Cecilia Bonet, compromiso e solidariedade

Cecilia Bonet é voluntaria en AFAGA desde fai tres anos. Chegou a través da oficina de voluntariado da Xunta de Galicia, e está moi orgullosa de formar parte do AFAGA e axudar no seu día a día ás persoas que teñen alzhéimer e ás súas familias.

Nesta entrevista conta que significa ser voluntaria e que achega o voluntariado ás persoas coas que traballa.
afaga alzheimer cecilia bonet voluntaria

Cecilia Bonet

Voluntaria de AFAGA Alzhéimer

‘O voluntariado axúdache a ter unha actitude positiva cara ás demais persoas’

– Como chegaches á Asociación AFAGA?

– Cheguei xa hai tres anos. Foi a través da Oficina de Voluntariado da Xunta de Galicia. Segundo o meu perfil e as miñas preferencias, remitíronme a AFAGA.

– Que che motivou a facerte voluntaria?

– O principal motivo era estar activa. Eu son psicóloga e trasladeime a vivir a España coas miñas fillas, pero ao non traballar nin facer nada, sentíame mal. Por iso busquei algo no que puidese ser útil e que puidese achegar algo da miña experiencia e formación.

– Que é o que máis che gusta do que fas?

– O traballo con persoas cunha demencia, aínda que ao principio pode parecer complicado, é moi reconfortante. Porque as persoas, tal e como ti trátes -se lle dás conversación, mantés contacto visual, achégaste pero sen invadir o seu espazo- así responden eles.
Polo xeral, a estimulación positiva, é dicir, reforzar non reprender ou recriminar, dá moi bo resultado coas persoas que teñen unha enfermidade neurodexenerativa.

– Que significa ser voluntaria?

– A min faime sentir útil, porque axudo e apoio a persoas que teñen unha situación complicada por unha enfermidade. E tanto as persoas enfermas, como os familiares e, por suposto, os profesionais de AFAGA agradecen moito todo este apoio que damos a través do voluntariado.
O voluntariado é moi positivo, favorece o teu desenvolvemento persoal, axúdache a ter unha actitude positiva cara ás demais persoas.

– Crees que son necesarias as entidades como AFAGA?

– Evidentemente, son necesarias porque fan un gran labor social. No caso de AFAGA, o apoio que presta ás persoas enfermas e ás familia é enorme.
As familias enfróntanse a unha situación que cambia toda a súa vida e a súa organización e iso fai que nas familias, ás veces, se formen conflitos onde en realidade non os hai. Neses casos, o único que se pode facer é aceptar a situación e achegar solucións, e unha  organización como AFAGA axuda esas familias en ambos os aspectos.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio