Empregados de Nova Pescanova, solidarios con AFAGA

A solidariedade, ese apoio a causas alleas, é un dos piares da sociedade. O interese polos demáis é a rede que nos mantén unidos e a maior expresión do que denominamos ‘humanidade’.

Pois precisamente de solidariedade é do que fan gala os empregados do Grupo Nova Pescanova. Fai tres anos, a empresa constituíu o departamento de Responsabilidade Social Corporativa cun plan estratéxico centrado en catro puntos: o planeta, as persoas, o produto e as comunidades. Esta iniciativa levou á creación dunha oficina que aglutinase as inquietudes dos traballadores e así naceu a Oficina de Voluntariado dos Empregados de Nova Pescanova, que colabora con proxectos que melloren a calidade de vida das persoas e que atendan á conservación do medio ambiente naqueles lugares onde están presentes.

Unha das iniciativas que levan a cabo son os Almorzos Solidarios nos que recadan fondos que despois doan a asociacións da súa contorna. Nesta ocasión, AFAGA foi unha das beneficiarias, cunha doazón de preto de 880€ que nos axudarán a continuar co noso labor na atención ás persoas con Alzheimer ou outras demencias, e os seus familiares 😊

 

En AFAGA agradecemos moitísimo a súa colaboración, que se transforma en máis recursos e máis atención ás persoas que sofren algunha demencia neurodegenerativa e a súa contorna.

Foi un verdadeiro pracer atoparnos coas representantes deste colectivo, ás que xa consideramos parte da ‘familia’ de AFAGA 💚

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio