AFAGA e o Museo MARCO continúan coa súa colaboración

Os talleres interxeracionais de AFAGA e o Museo MARCO son todo un éxito, este 2023 continúan en marcha e Faro de Vigo fíxose eco diso.

 

fdv talleres afaga complices artisticos 01.02.23

AFAGA e o Museo Marco colaboran na realización de talleres interxeracionais, compostos por persoas afectadas por Alzheimer e público infantil de entre 7 e 12 anos. Unha iniciativa, que xa conta cunha longa traxectoria, e que ofrece grandes beneficios.

Para as persoas maiores supón a oportunidade de:
– xerar novas inquietudes e intereses
– incrementar o coñecemento e, con iso, a reserva cognitiva
– combater a soidade
– promover o envellecemento activo

Ademais, demóstrase o gran valor da arte como recurso terapéutico e mecanismo de socialización interxeracional.

Por parte dos nenos e nenas, é unha actividade moi estimulante e con moito potencial de aprendizaxe. Non só polas posibilidades da arte como ferramenta de socialización, senón polo contacto directo coa realidade dos maiores, do seu día a día, da súa fraxilidade e necesidade de atención e coidados, pero tamén da súa fortaleza e sabedoría. Retroaliméntanse con moita facilidade, fanse cómplices.

A colaboración entre a área de Didáctica do MARCO e AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, iniciouse en decembro de 2021 coa posta en marcha de varias sesións de taller dirixidas polo artista Din Matamoro. Ao fío desta colaboración, entre abril e xuño de 2022 desenvolveuse un novo ciclo de talleres, que este ano inician a súa continuidade.

En cada sesión hai entre 8 e 9 participantes, para axustar e equilibrar o número de maiores/nenos e que a actividade dea resultados, pero espérase que proximamente esta cifra poida aumentar.

O programa –como todas as actividades da área de Didáctica do MARCO—conta coa colaboración de Fundación “la Caixa”.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio