Chegou o día! FESTA!

chegou o dia festa 1024x684

-Érguete, irmá! Hoxe é a festa de San Xoan! Veña, prende a luz!

Así empeza un dos relatos en galego que nos enviaron ao VII Concurso de Relatos Curtos. Felo da Silva, autor desta historia, nos fala sobre Concha, unha muller desexosa de asistir as festas do seu pobo como todos os anos. Un conto cunha protagonista que nos recorda a ilusión de celebrar e sorrir a pesar das dificultades que poida impoñernos a vida.

Desfruta do relato:

Chegou o día! FESTA!

– Érguete, irmá! Hoxe é a festa de San Xoan! Veña, prende a luz! … Esperta, ou é que non escoitaches cantar ao galo, e máis o arrolo das ruliñas? Pero…onde andas, muller?

Concha estirou o seu brazo, tentou ás apalpadas a mesa de noite, ata que por fin deu coa chave da lámpada. Ollou ao redor do cuarto, e non viu a ninguén.

– Xa non estás María? Ai, irmanciña, acordaches máis cedo ca min! Xa andarás atarefada cos preparativos. Pois eu non che quedo na casa, voume onda ti… axudarche.

Concha botouse fóra da cama, paseniño, mentres lle percorría polo maxín o moito que sempre se gozaba neste día da Festa do Patrón. Lembranzas que viñan de nena, sabedora de que era unha das datas na que a familia se xuntaba para o xantar, as ocorrencias, as gargalladas, os bailes e cantigas, as noite de verbena…


Levantou a persiana unha cuarta, abriu o armario e escolleu roupa de festa: o vestido de margaridas que lle mercará súa nai, a chaqueta a gancho feita pola avoa e as sandalias novas. Tras acicalarse no cuarto de baño, prendeu a luz do corredor e botou andar, pensando en que o primeiro que debía facer era recoller a empanada, o brazo de crema e o roscón que tiña encargado a súa nai na panadería López. A porta estaba pechada, abriu o caixón e alí estaba unha das chaves, a que tiña o chaveiro en forma de palloza. Meteuna na porta e abriu, xa sentía a melodía do pasacalle interpretado pola banda que tocaba a alborada; iso fixo que pechase a porta axiña, e se botase fóra.

No fondo da praza pareceulle albiscar a María, e berroulle: irmá, agarda por min! Volve!
Ao tempo que escoitaba alguén que ás súas costas a chamaba:
– Avoaaaaa!! Onde vas?

Xirouse o máis axiña que puido e viu un rapaz novo, que se dirixía de novo a ela:
– Avoa, volve! Vén! Onde ías??? Son Antón!
– Ben sei quen es! Pero que diaño fas ti aquí na praza en pixama? E en zapatillas.
– Pois… é que… que…
– Non tes vergoña, ou? Anda que…! O día de festa do noso pobo, e ti con esa pinta.

Brais quedou parvo, sen saber moi ben como reaccionar ás palabras da avoa. Tiña que pensar sen demora unha resposta. Unha vez máis, unha mentira piadosa.
– Avoa, erguinme aínda agora pois andei de noite cos colegas, e deiteime moi tarde…
– Anda, Brais, vaite para casa e ponte guapo para a festa! Veña! Eu volto axiña que vou axudar a miña irmá, que imos á panadería pola encarga.
– Agarda, avoa, escoita! Tes que vir canda min!
– Diso nada! Ademais veño de escoitar a banda que vén de pasar tocando para espertar á veciñanza, e inda me ha dar tempo a acompañala un bo treito.
– POR FAVOR, AVOA, NON TEÑO CHAVE!!! – dixo o Antón con certo desacougo.
– Ai! Pois eu tampouco. Vaiche boa, entón!
– Perdina! Vénme axudar, avoa! A ver se a atopamos entre ti e máis eu.

Brais suspirou aliviado. Por fin a avoa viña cara a el. Concha colleuse ao neto de ganchete, sen quitarlle ollo ao chan: pois non chas vexo, neto!

Brais, ao chegaren ao pé da porta, anicouse ao tempo que deixaba caer e recollía axiña as chaves. Cunha expresión de ledicia dirixiuse a ela: están aquí, avoa! Que sorte houbo!

Abriu axiña a casa, entrou con Concha e suxeriulle de ir ao baño, ela non o dubidou pois viña “apurada”. Mentres, Antón botou a correr ao seu escritorio, nun anaco de papel redactou unha nota que había valerlle coma ouro: “Benquerida Concha, vou á panadería pola encarga. Deume cousa espertarte para irmos xuntas. Queda tranquila que eu volvo axiña. Un bico da túa irmá María”.

Colocou a nota a carón do teléfono da entrada e chamou pola avoa.
– Avoa, vén, tes aquí unha nota da túa irmá!

Concha achegouse, sentou no sofá do salón ao tempo que lía a nota.
– De acordo, María. Entón agardarei aquí por ti. Uf… neto, como che me doen as costas!
РD̩itate, avoa, va que si!
– Si, home! Voume deitar! Vai ti se queres! Hoxe éche a festa do Patrón e, por certo, debías vestirte e peitearte. Hoxe virán os meus fillos e as noras, meus pais e irmás, e os avós…e a netiña e os tres netos. Iremos á misa de doce é á procesión, escoitaremos a banda na hora do vermú, e despois a comer o menú do San Xoán: ensalada rusa, empanada, ovos recheos, cordeiro e, de sobremesa, roscón, flan e brazo recheo de crema. Por certo, Antón, debías lavar a cara coas herbas de San Xoán que deixamos a macerar toda a noite.

A cousa púñaselle ben complicada ao Antón, tiña que activar plan alternativo. A avoa “enrocárase”. Foise ao seu cuarto, coa desculpa de se vestir, colleu o móbil e enviou un whasap á súa amiga Iria, ela erguíase cedo para estudar e de seguro que o axudaría.

Entre ambos acordaron facer algo para que a avoa saíse do “bucle festeiro” no que tiña entrado. Antón suxeriulle que telefonase á avoa facéndose pasar por outra persoa.

Acordaron que nesta ocasión sería a súa médico de familia.

En catro zancadas Antón volveu ao salón, co pantalón vaqueiro posto e coa camisa a medio abotoar. Na man o teléfono aberto, con Iria ao outro lado.
-Avoa, chámante! É a túa doutora Adriana.
Ui, e logo que acontece? Ademais nin sei quen é esa tal Adriana. Diga. Si, dígame?
– Bo día, señora Concha. Chámoa do Hospital para interesarme e saber como se sente.
– E como me hei sentir? Ben, coma sempre. Nunca me atopei mellor ca hoxe. E aínda por riba estamos de festa na casa e no pobo.
– Seino, Concha! Por iso a chamo. Díxenlle que aínda non estaba reposta da pneumonía, que ten que descansar o máis que poida.
РImposible, abof̩ que non! Te̱o xente na casa!
– A ver, faga o favor e déitese ata a hora da misa de doce. A súa irmá e a familia vanse encargar de todo. Vostede hoxe ten que deixarse facer. Para gozar da festa, debe descansar dúas ou tres horas máis. Prométemo?

Concha non dixo nin palabra, só fixo un aceno afirmativo coa testa; a súa face non era de ledicia. Cando volveu falar fíxoo exclusivamente para dar as grazas á doutora e convidala, como non podía ser doutro xeito, ao xantar familiar. Tras despedírense, ergueuse do sofá coa man nos cadrís, apoiouse no brazo do neto e botou andar deica ao seu cuarto.
– Veña, avoa, descansa. Durme tranquila que eu te espertarei para a Misa e procesión.
– Graciñas. Estou esgotada, dóeme todo o corpo!


A avoa adormeceu en nada. Antón apagou as luces, marchou ao seu cuarto e botou o pixama de novo.

Deitouse tras mandar unha mensaxes de agradecemento a Iria, pero xa non foi quen de coller o sono. Ergueuse e foi ata a biblioteca do salón; alí, nos andeis onde se atopan os albumes familiares, estaba o que procuraba: as fotografías das xuntanzas e comidas familiares, de tantas e tantas festas de San Xoán. Axiña atopou á omnipresente avoa, leda, co mandil sempre posto, facendo posible que todo acontecese, ano tras ano. Sacou ducias de fotos coa cámara do móbil. As fotos axudan a non morrer, a deter o tempo, a manter vivas as vivencias, a entender o pasado da casa e o presente, as presencias e as ausencias. Gardou os albumes, e decidiu almorzar coa avoa. Colocou a mesa ben enfeitada e baixou á panadería. Antes de espertala, rematou o traballo que tiña que enviar á facultade.

Eran as once da mañá, Concha viña polo corrredor. Chegada á cociña, deulle outra vez os bos días ao neto, e sentou. Ollou para o centro da mesa e sorriu, ollou de novo a Antón, chea de emoción mandoulle achegarse, e bisboulle pois non era quen de falar:
– Mira, coma ese roscón sempre o tiñamos nós na casa no día de San Xoán. Aquelas si que che eran festas, meu neto! (Dándolle un aloumiño e un bico de agradecemento)

Aquela tarde Antón artellou tarefas de repostería para gozar coa avoa. Farían orellas e filloas de entroido. Seus pais chegarían esa noite, tras unha finde entre cigarróns e pantallas. A avoa esgotábaos moito. Nunca saberían do acontecido. Para que? Quería evitar remorsos nas súas conciencias. O que pasou foi unha máis na doenza da avoa. 

Cousas da vida, do ciclo vital. Sempre se aprende da avoa, segue sendo mestra!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio