- AFAGA e Centro Social do Vale do Homem lideran a nova plataforma de cooperación na que participan tamén dúas entidades portuguesas, de índole sanitaria e académica, e seis municipios de Portugal
Vigo, venres 12 de xuño de 2026.- A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) asinou onte, nun acto institucional en Braga (Portugal), un acordo de cooperación transfronteirizo para impulsar a innovación, investigación e desenvolvemento de respostas sociais integradas e dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e a da súa contorna convivencial.
O acordo, que recibe o nome de “Compromiso de Cooperación para a Innovación nas respostas sociais para persoas con Alzheimer e outras demencias”, está liderado por AFAGA e pola súa homóloga portuguesa Centro Social do Vale do Homem (CSVH), de Lanhas (Vila Verde), e involucra a dúas entidades (sanitaria e académica) do país veciño, Unidade Local de Saúde de Braga (USB) e a Facultade de Farmácia da Universidade de Porto, e a representantes de seis municipios portugueses (Braga, Vila Verde, Amases, Barcelos, Póvoa de Lanhoso e Terras de Bouro).
O documento, cunha vixencia de catro anos, crea unha rede de traballo colaborativo entre institucións e entidades pública-privadas de Portugal e Galicia, cos obxectivos de desenvolver proxectos conxuntos e innovadores na área das demencias, respostas sociais centradas na persoa, programas de apoio a coidadores formais e informais, alén de estimular a investigación científica e a transferencia de coñecemento. O compromiso de cooperación inclúe tamén a promoción de ambientes e comunidades inclusivas coas demencias, accións de sensibilización pública e a identificación de oportunidades de financiamento conxunto e futuros acordos de colaboración.
AFAGA e o portuguesa Centro Social do Vale do Homem ratificaron ademais onte a firma do convenio de colaboración que ambas as entidades sociais manteñen para o desenvolvemento de accións conxuntas, a favor das persoas con demencias neurodegenerativas e en apoio da súa contorna familiar e convivencial.
A firma de ambos os convenios realizouse no marco dunha viaxe de familiares de AFAGA para visitar recursos de Braga, englobado no programa de mobilidade Erasmus +, centrado na demencia, o envellecemento activo e o apoio a coidadores.
Sobre AFAGA
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), fundada en Vigo hai máis de 30 anos, é unha entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer e outras demencias e a dos seus familiares. Ofrece información, asesoramento e orientación e busca achegar a realidade destas doenzas a entidades públicas e privadas, para dar resposta ás demandas do colectivo que representa, alén de colaborar nas investigacións que se realizan sobre as demencias neurodegenerativas. En 2025, atendeu a 3.628 persoas, das que 613 eran persoas usuarias con demencia e 1.075 participantes en programas de prevención á deterioración, en máis de 40 localizacións de 16 concellos da provincia de Pontevedra.

