O proxecto “Velas polo alzhéimer” é unha iniciativa solidaria que promove actividades no mar para persoas con alzhéimer, os seus familiares e coidadores.
‘Velas polo alzhéimer’ é un proxecto creado en Barcelona por catro namorados do mar que, ademais, experimentaron o difícil que é esta enfermidade e queren poñer os seus coñecementos marítimos ao servizo de persoas que padecen alzhéimer e as súas familias.
Tras emprenderse con moito éxito en Cataluña, esta iniciativa chega a Vigo e, concretamente, ao noso Centro de Día Especializado en Alzhéimer ‘Vigo – Beiramar’, grazas á colaboración dos seus creadores, a asociación ‘Veles per l’Alzheimer’, e a escola ‘Julio Verne Náutica’.
Estamos moi ilusionados 😊 os nosos usuarios e as súas familias poderán gozar de diferentes experiencias relacionadas co mar e a navegación, encamiñadas tamén a concienciar e sensibilizar sobre o alzhéimer.
As charlas e paseos mariños con ‘Velas polo alzhéimer’ contribuirán a mellorar a calidade de vida dos nosos usuarios, promovendo aínda máis as súas relacións persoais e sociais, con todas as vantaxes que iso conleva para o desenvolvemento da súa enfermidade. Ademais, os seus familiares poderán beneficiarse dunha maneira diferente de relacionarse co seu familiar, nun ambiente relaxado e divertido que axudará a aliviar o estrés e o cansazo do día a día.
O benestar emocional será patente para todos os participantes.
Hoxe dimos o pistoletazo de saída cunha charla inicial a cargo de Edgar Martínez, de ‘Veles per l’Alzheimer’, e Iván Pérez-Gándaras, de ‘Julio Verne Náutica’ e co que sairemos a navegar ao longo de 2024. Desde AFAGA agradecemos moito a ambos a súa implicación.