O alzhéimer é unha enfermidade complexa, que non só afecta á memoria e ás habilidades cognitivas das persoas que a padecen, senón que tamén ten un impacto significativo na súa saúde mental. Ademais, as persoas coidadoras de persoas con alzhéimer ou outras demencias, moi a miúdo enfróntanse a diferentes desafíos emocionais e psicolóxicos.
Estes son algúns dos vínculos entre a saúde mental e o alzhéimer ou outras demencias neurodexenerativas:
Nas persoas que padecen alzhéimer:
Cambios no estado de ánimo: As persoas con alzhéimer poden experimentar cambios no estado de ánimo debido á confusión e á perda de habilidades cognitivas. Pódense considerar signos de depresión.
Apatía: Perda acentuada de motivación e iniciativa para a realización de actividades. Pode producirse unha marcada introversión e tendencia ao illamento como consecuencia da confusión que o enfermo experimenta ante determinadas situacións, o que o leva a apartarse e non mostrar interese.
Ansiedade: A especial dificultade que teñen as persoas con demencia de prever o que sucederá no futuro, aínda que sexa inmediato, derivará ás veces en manifestacións de ansiedade.
Axitación e agresión: Algúns pacientes con alzhéimer poden mostrar axitación ou agresión, que moitas veces reflicten a súa frustración e confusión.
Delirios e alucinacións: Interpretacións erróneas da realidade ou creencias falsas, que mantén a pesar das probas e, polo tanto, son difíciles de tratar.
Nas persoas coidadoras:
Depresión: Debido á carga emocional e ás demandas do coidado constante. É fundamental fomentar o autocoidado dos coidadores e a busca de apoio.
Illamento: O illamento, xa sexa provocado por unha manifesta falta de tempo ou por unha decisión consciente derivada de pensamentos inadecuados, privaunos dunhas das necesidades esenciais de toda persoa: a compañía dos demais e o disfrute das amizades.
Ansiedade: O exceso de carga dos coidados, a falta de apoios, os problemas comúns que aparecen cos coidados e outros elementos presentes na vida do coidador poden levar a estes a padecer estados elevados de ansiedade con frecuencia.
Estrés: Debido á sobrecarga que soportan moitos coidadores e ás dificultades que enfrontan diariamente, poden aparecer valoracións erróneas ante algunhas ou moitas situacións, de forma que nos provoquen frecuentes e excesivas respostas estresadas.
Sentimentos de culpa: O gasto de enerxía focalizado en sentimentos de culpabilidade que experimenta unha persoa con estes sentimentos é moi elevado. É un sentimento moi danoso e destructivo que non nos permite apreciar a nosa calidade e capacidades como coidadores, non permite ver a melloría que pode experimentar o noso familiar como consecuencia dos nosos coidados e non nos permite sentirnos satisfeitos coa labor que estamos a realizar.
Esgotamento emocional: O coidado a longo prazo pode levar ao esgotamento emocional, o que pode afectar negativamente á saúde mental dos coidadores. Tomar descansos regulares e buscar axuda cando sexa necesario é crucial.
En resumo, o alzhéimer e outras demencias neurodegenerativas, son enfermidades que afectan a todas as partes involucradas. Recoñecer os desafíos de saúde mental tanto nos pacientes como nos coidadores é o primeiro paso para abordalos axeitadamente. Brindar apoio emocional, buscar axuda de profesionais da saúde mental e promover a conciencia sobre estes problemas son accións importantes para mellorar a calidade de vida de quen enfronta esta enfermidade e quen os coida.
A saúde mental é unha parte integral do coidado do alzhéimer e non debe ser esquecida.