Idadismo

A RAG define o idadismo como ‘Discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores’.

En moitas ocasións se categoriza ás persoas pola idade, de forma que se ocasionan danos e inxustizas e prexudícase a creación de sinerxias interxeracionais.

Como recalca a OMS, o idadismo prexudica a nosa saúde e benestar, provocando entre outros:

  • Estrés cardiovascular
  • Descenso da esperanza de vida en 7,5 anos pola actitude negativa ante o propio envellecemento
  • Invisibiliza a quen o sofre, deixándolles sen representación en medios de comunicación e actividades públicas, e manténselles á marxe da toma de decisións
  • Maior illamento social e soidade

Desde AFAGA achegamos o noso esforzo á loita contra este tipo de discriminación. Levamos a cabo labores de sensibilización, tentando que haxa unha mellor comprensión social do envellecemento como unha etapa máis da vida, como un momento no que tamén hai unha gran diversidade e no que se debe favorecer que as persoas maiores continúen formando parte da toma de decisións, respectando o seu criterio e historia de vida.

Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo UVIGO

A Cátedra AFAGA-Atendo de Edadismo é unha iniciativa impulsada pola Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA Alzheimer), Atendo, entidade privada de innovación social dedicada a acompañar nos coidados ás persoas maiores e as súas familias a través de diferentes servizos, e a Universidade de Vigo.

No acto de firma do convenio, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, mostrou a súa “enorme satisfacción por unha colaboración que vén de lonxe”, dixo. “Agora asinamos un convenio pensando máis no longo prazo para que esta realidade que vén impoñendo en Galicia, onde ademais somos considerados un laboratorio do envellecemento, unha cátedra de idadismo permítanos traballar conxuntamente”, dixo Reigosa.

Pola súa banda, o fundador de Atendo, Luís Barros, referiuse á iniciativa como “un vehículo fantástico para cambiar a mirada que temos, na que a xente maior e o envellecemento, asóciase a enfermidade e lanzar mensaxes para transformar esa forma de pensar, de sentir e de actuar respecto á idade e o envellecemento”, sinalou.

O presidente de AFAGA Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, asegurou que “só desde un cambio de visión, desde unha maneira de comunicar diferente e de entender que esta nova realidade é única na historia da humanidade, porque ata o de agora nunca tivemos unha poboación maior tan significativa, precisa un novo pacto social, que é o que traballamos a través desta cátedra”, sinalou.

A Cátedra está dirixida pola docente e investigadora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo Ana Belén Fernández Souto, que asegura que enfronta o reto “con ganas de aprender, porque hai moito camiño por percorrer e a principal  tarefa da cátedra é crear esa conciencia e que todas as persoas vexan o idadismo como o que realmente é”, sinalou a directora, que destacou a importancia de que esta sexa a primeira cátedra sobre esta temática que existe en España e Europa.

Esta cátedra céntrase na realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas destinadas a difundir o coñecemento e investigación da escala, impactos e factores determinantes do fenómeno do idadismo.

Intervencións educativas, desde a etapa infantil ata a universitaria; promoción da investigación no campo do idadismo e difusión dos resultados alcanzados; fomento da relación interxeracional co obxectivo de reducir prexuízos e estereotipos ou xeración de contornas amigables coas persoas con demencia, son algunhas das accións recollida ao amparo da cátedra, que ademais da dirección de Fernández Souto, contará cunha comisión de seguimento, integrada por oito representantes das entidades promotoras.

“Este é un camiño diferente porque ata o de agora todas as iniciativas neste sentido eran desde o sector da xeriatría, da psicoloxía e nós ímonos a situar nunha capa moi transversal, nun paraugas no que van entrar todos e imos tentar cambiar esas mensaxes que van ser de impacto, grandes. O que preparamos vai cambiar a vida de moitas persoas”, explica o fundador de Atendo, que destaca o papel protagonista que nesta iniciativa está a ter o investigador e exdecano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación entre 2003 e 2006, Xaime Fandiño, “á persoa máis reivindicativa e a que máis está a facer por cambiar esta mirada. Unha persoa que ten 70 anos e que pelexa todos os días para que non o miren como que non vale para nada”.

O presidente de AFAGA destaca o interese dun proxecto no que unha entidade do terceiro sector e outra do ámbito privado suman esforzos coa UVigo co obxectivo de crear un cambio na visión da sociedade. “O que nos motivou cando empezamos a traballar con este tema foi a procura desa nova realidade, esa interxeracionalidade, pero tamén desde a educación, porque un dos piares dos que fala a OMS sobre o edadismo é intervir nas leis, na educación e cando falamos de educación falamos de coñecemento que é a universidade”, destaca Rodríguez, que considera que esta iniciativa pode ser exportable a todo o país e ao resto do mundo, “porque este proceso de envellecemento dáse en todos os sitios, desde os máis envellecidos como é Europa ata os máis novos como pode ser África, que tamén está a iniciar este proceso”, explica.

afaga alzheimer imagen contacto

Precisas axuda?

Máis información?

Scroll ao inicio