Actividades de sensibilización
Realizamos actividades varias (charlas, talleres, encontros…) dirixidos a sensibilizar á poboación en xeral, e a algúns colectivos en particular, sobre o envellecemento activo, a prevención da deterioración cognitiva, e a realidade do alzhéimer e outras demencias.
Charlas en centros educativos
Continuamos coa tarefa de sensibilización aos/as máis novos sobre a realidade da demencia, así como sobre a importancia dos hábitos de vida saudables para a prevención da deterioración cognitiva.
En 2022 realizamos 7 charlas en institutos ou centros de formación profesional, chegando a un público de máis de 200 persoas. Trátase de charlas realizadas para alumnado de titulacións do sector sociosanitario e de varios cursos de ESO no marco da “1a Xornada Interxeracional de Saude” do IES Valadares de Vigo no que AFAGA realizou unha estreita colaboración con outras actividades interxeracionais entre persoas usuarias da asociación e alumnado do instituto.
Charlas en centros sociocomunitarios
Dentro do noso labor de información e sensibilización na contorna sociocomunitaria realizamos varias charlas sobre a prevención e a realidade do alzhéimer e outras demencias e o envellecemento saudable en asociacións veciñais, centros sociocomunitarios e municipais, e noutras entidades (neste caso a asociación de saúde mental Doa e en Cruz Vermella dentro do seu programa de atención a persoas maiores). En 2022 acollemos a un público de máis de 280 persoas en total.
Conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer (21 de septiembre)
O 21 de setembro é un dos días do calendario máis importantes para AFAGA, xa que é o Día Mundial do Alzhéimer. Nesta data queremos lembrar a gran incidencia do alzhéimer na nosa sociedade, así como sensibilizar sobre a realidade desta enfermidade e as necesidades das persoas que a padecen e os seus coidadores/as, a través de varias actividades: mesas informativas, charlas, andainas…
Concurso de relatos curtos
Dentro das nosas accións de sensibilización, AFAGA convoca anualmente o concurso de relatos curtos sobre alzhéimer e outras demencias “Nun recuncho da memoria”, certame aberto á participación de calquera persoa maior de 16 anos sensibilizada con esta doenza ou que lle apeteza escribir e atope no envellecemento ou as enfermidades neurodegenerativas a súa fonte de inspiración.