A primeira experiencia do Café Memoria en Vigo resultou moi positiva. Unhas 50 persoas entre coidadores, familiares e profesionais déronse cita nun marco moi particular da cidade, Vitrubia Café, que resultou un lugar perfecto para celebrar esta reunión, pola comodidade do espazo e a tranquilidade do local.
Desde Braga viñeron a este encontro 30 persoas, entre os que se atopaba Firmino Marqués, vicepresidente de Cámara Municipal de Braga ( tenente alcalde do Concello Braga), que se mostrou moi satisfeito e agradecido pola hospitalidade recibida e bo desarrrollo que tivo a actividade. Por parte do Concello de Vigo, asistiu Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, quen agradeceu moito a organización desta actividade a AFAGA, que cualificou de moi positiva e enriquecedora, e a Firmino Marqués a súa presenza na nosa cidade e nesta iniciativa. Por suposto, tamén tivo palabras de agradecemento para todos os familiares que se desprazaron desde Braga para asistir a este evento e para os socios e familiares de AFAGA que tamén participaron.
Como mostra de agradecemento, Cayetano Rodríguez regalou a Firmino Marqués o libro de ‘ Illas Cíes’ con fotografías de Ricardo Grobas. Ademais das intervencións dos representantes institucionais, de Joana Araújo, responsable do Café Memoria en Braga, e de Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, houbo unha quenda de preguntas para que os asistentes expuxesen dúbidas, preocupacións,.. para darlles resposta entre os profesionais que estaban presentes.
A segunda parte do encontro consistiu nun taller de relaxación dirixido por Vanessa López, fisioterapeuta de AFAGA, no que ensinou aos asistentes técnicas de estiramentos e relaxación para os momentos que se noten sobrecargados.
Tras este taller, chegou o momento do café no que houbo un animado diálogo entre os presentes, que aproveitaron para intercambiar impresións e coñecerse mellor.
Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, se mostro moi satisfeito co desenvolvemento da actividade e a implicación do grupo de Braga, polo que sinalou que espera que se produzan máis actividades deste tipo e que esta relación que está a xurdir entre as asociacións de familiares de enfermos de Alzhéimer de Portugal e AFAGA materialícese en bos proxectos para os afectados e as súas familias.
Sobre o ‘Café Memoria’
A Asociación Alzheimer Portugal puxo en marcha esta iniciativa en varias cidades portuguesas, seguindo o modelo que se realiza desde hai varios anos en países como Holanda, Bélxica, Reino Unido ou Estados Unidos ou Canadá. Os encontros desenvólvense en sesións estruturadas, non clínicas, nun espazo informal, e o obxectivo principal é contribuír á mellora da calidade de vida e redución do illamento social de persoas afectadas e coidadores. O ‘Café Memoria’ promove a interacción entre persoas con experiencias similares e a participación dos usuarios en actividades lúdicas e terapéuticas.