O poder da música
A música é un tipo de manifestación artística que acompaña ao ser humano durante toda a súa vida. Convivimos diariamente con ela, atopándoa na educación, televisión, radio, celebracións, cerimonias relixiosas, e moito máis. A música é unha maneira que ten o ser humano de expresarse e de representar diferentes sensacións, ideas e pensamentos. A música é de vital importancia, non só pola súa beleza e valor estético, senón tamén polo seu poder para provocar reaccións emocionais nos seres humanos. Se pensades un pouco, seguramente vos vén á mente algunha canción e/ou artista que é capaz de poñer a pel de galiña ou que vos trae bos recordos da infancia e/ou da xuventude.
Tendo en conta o poder da música, non é de estrañar que cada vez cobre máis importancia a súa utilización como terapia con diferentes colectivos.
A musicoterapia consiste no uso profesional da música e os seus elementos (son, ritmo, melodía e harmonía) como intervención en diferentes ámbitos, co obxectivo de mellorar a saúde física, social, comunicativa, emocional, intelectual e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.
A musicoterapia en persoas con demencia está indicada para calquera nivel de deterioro e pódese levar a cabo tanto de forma individual como grupal (aínda que o máis habitual é que se realice de forma grupal). O método de aplicación tamén pode variar, podendo ser activo (tocando instrumentos, cantando, interpretando a música, bailando, etc.) ou receptivo (a persoa escoita música que se utiliza para inducir estados de ánimo).
A continuación indícanse algúns dos efectos que ten a musicoterapia nas persoas con demencia a nivel cognitivo, socioemocional e conductual:
Área cognitiva: A través da musicoterapia estimúlanse funcións cognitivas como a atención, percepción auditiva, orientación, linguaxe e memoria. Unha melodía familiar pode evocar de forma inmediata na persoa con demencia unha emoción, unha sensación ou un recordo do pasado, devolvéndolle a súa identidade persoal, seguranza e familiaridade. A musicoterapia tamén é unha valiosa ferramenta que permite estimular a linguaxe. É frecuente atopar a persoas con demencia con dificultades na expresión e/ou comprensión da linguaxe que, con todo, son capaces de cantar cancións.
Área socioemocional: A música (especialmente se se adapta aos gustos persoais de cada un) é un estímulo placenteiro que evoca emocións positivas na persoa con demencia. Promove un estado de ánimo máis positivo e mellora os estados de ansiedade e depresión. Ademais, se se trata de musicoterapia interactiva e grupal, favorecen as súas relacións sociais que, á súa vez, mellora o seu estado de ánimo.
Área conductual: Un dos grandes retos tanto para os profesionais como para os coidadores de persoas con demencia é o manexo dos trastornos de conduta. Moitos dos estudos publicados até a data sobre musicoterapia centraronse neste tema. En xeral, os resultados destes estudos indican que a musicoterapia é eficaz para reducir os síntomas psicolóxicos e conductuais da demencia.
Por todo o exposto ata o momento e tendo en conta que a musicoterapia é económica, placenteira e non ten efectos adversos, perfilase como un tipo de terapia non farmacolóxica prometedora no ámbito das demencias.
En casa, os coidadores informais tamén poden utilizar a música como unha ferramenta para estimular á persoa con demencia, mellorar o seu estado de ánimo e compartir un momento agradable (cantando cancións, bailando, escoitando música, etc.). Do mesmo xeito, se a persoa con demencia presenta episodios de agitación en momentos específicos do día (ducha, aseo, comida, etc.), tamén se pode utilizar a música para intentar reducir esa agitación. A agitación destas persoas pode reducirse significativamente acompañando estes momentos coas súas cancións favoritas, tal como indican numerosos estudos.
Beatriz Rodríguez Álvarez
Psicóloga de AFAGA