Baixo a iniciativa da Universidade de Vigo, Afaga e Atendo, esta Cátedra de Idadismo impúlsase co obxectivo de contribuir á transformación na maneira de pensar, sentir e actuar ante o envellecemento
A Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo é unha iniciativa impulsada pola Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA Alzheimer), ATENDO, entidade privada de innovación social dedicada a acompañar nos coidados ás persoas maiores e as súas familias a través de diferentes servizos, e a Universidade de Vigo
No acto de sinatura do convenio, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, amosou a súa “enorme satisfacción por unha colaboración que vén de lonxe”, dixo. “Agora asinamos un convenio pensando máis no longo prazo para que esta realidade que se vén impoñendo en Galicia, onde ademais somos considerados un laboratorio do envellecemento, unha cátedra de idadismo nos permita traballar conxuntamente”, dixo Reigosa.
Pola súa banda o fundador de ATENDO, Luis Barros, referiuse á iniciativa como “un vehículo fantástico para cambiar a mirada que temos, na que a xente maior e o envellecemento, asóciase a enfermidade e lanzar mensaxes para mudar esa forma de pensar, de sentir e de actuar respecto á idade e o envellecemento”, sinalou.
O presidente de AFAGA Alzhéimer, Juan Carlos Rodríguez, asegurou que “só desde un cambio de visión, desde unha maneira de comunicar diferente e de entender que esta nova realidade é única na historia da humanidade, porque ata o de agora nunca tivemos unha poboación maior tan significativa, precisa un novo pacto social, que é o que traballamos a través desta cátedra”, sinalou.
A Cátedra estará dirixida pola docente e investigadora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo Ana Belén Fernández Souto, que asegura que enfronta o reto “con gañas de aprender, porque hai moito camiño por percorrer e a principal tarefa da cátedra é crear esa conciencia e que todas as persoas vexan o idadismo como o que realmente é”, sinalou a directora, que destacou a importancia de que esta sexa a primeira cátedra sobre esta temática que existe en España.
Loita contra o idadismo. Un cambio na vida de moitas persoas
A Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo centrarase na realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas destinadas a difundir o coñecemento e investigación da escala, impactos e factores determinantes do fenómeno do idadismo. Intervencións educativas, dende a etapa infantil ata a universitaria; promoción da investigación no campo do idadismo e difusión dos resultados acadados; fomento da relación interxeracional co obxectivo de reducir prexuízos e estereotipos ou xeración de contornas amigables coas persoas con demencia, son algunhas das accións recollida ao abeiro da Cátedra, que ademais da dirección de Ana Belén Fernández Souto, contará cunha comisión de seguimento, integrada por oito representantes das entidades promotoras.
“Este é un camiño diferente porque ata o de agora todas as iniciativas neste sentido eran desde o sector da xeriatría, da psicoloxía e nós ímonos situar nunha capa moi transversal, nun paraugas no que van entrar todos e imos intentar cambiar esas mensaxes que van ser de impacto, grandes. O que temos preparado vai cambiar a vida de moitas persoas”, explica Luis Barros, fundador de ATENDO, que destaca o papel protagonista que nesta iniciativa está a ter o ex docente e investigador e ex decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación entre 2003 e 2006, Xaime Fandiño “á persoa máis reivindicativa e que a máis está a facer por cambiar esta mirada. Unha una persoa que ten 70 anos e que pelexa todos os días para que non o miren como que non vale para nada”.
O presidente da xunta directiva de AFAGA Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, destaca o interese dun proxecto no que unha entidade do terceiro sector e outra do ámbito privado suman esforzos coa UVigo co obxectivo de crear un cambio na visión da sociedade. “ O que nos motivou cando empezamos a traballar con este tema, foi a busca desa nova realidade, esa interxeracionalidade, pero tamén desde a educación, porque un dos piares dos que fala a OMS sobre o idadismo é intervir nas leis, na educación e cando falamos de educación falamos de coñecemento que é a Universidade”, destaca Rodríguez, que considera que esta iniciativa pode ser exportable a todo o país e a o resto do mundo, “porque este proceso de envellecemento se dá en todos os sitios, desde os máis avellentados como é Europa ata os máis novos como pode ser África, que tamén está iniciando este proceso”, explica.