Unhas 400 persoas déronse cita no Auditorio do Teatro Afundación, en Vigo, para asistir á V Gala Solidaria ‘Non te esquezas de rir’, organizada por AFAGA Alzhéimer. Foi unha noite chea de risas, bos momentos e sonoros aplausos. Os catro cómicos galegos que formaban o cartel, Oswaldo Digón como mestre de cerimonias, Marcos Pereiro, Pepo Suevos e Federico Pérez conseguiron facer rir sen parar ao auditorio enteiro.
Nesta quinta edición de ‘Non te esquezas de rir’ reuníronse familias, coidadores, tamén algunhas persoas con demencias, traballadores de AFAGA, representantes das administracións locais, provinciais e autonómicas e, como non, moitos espectadores que asistiron ao evento para apoiar unha boa causa á vez que pasaron unha tarde moi divertida.
Esta Gala foi posible realizala grazas á colaboración de Afundación que cede o espazo a AFAGA e grazas á xenerosidade dos monologuistas, que participaron nela de forma desinteresada.
Os fondos recadados destinaranse a diversos programas que desenvolve a asociación para as persoas que padecen alzhéimer e para os seus familiares e/ou coidadores/ as.