Ante a excepcional situación que estamos a vivir, derivada da crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus, é importante que levemos a cabo unha serie de pautas no noso día a día para facilitar e intentar mellorar a convivencia coa persoa con demencia e previr o contaxio durante o período de illamento. Para iso, recomendamos seguir as seguintes indicacións:

 

  1. É primordial que, durante os días que permanezamos en corentena, manteñamos unha rutina de actividades e horarios estabelecidos para evitar unha maior desorientación da persoa con demencia: erguerse á mesma hora, comer á mesma hora, etc.É fundamental que a persoa con demencia participe connosco no maior número de actividades do fogar posible, para así manterse activa e ocupada e, dese modo, evitar os tempos mortos.Debemos incluír actividades de lecer e entretemento significativas no día a día: xogos de cartas, dominó, parchís, ler o xornal, revistas, etc.
  2. É necesario aplicar tamén medidas de hixiene do sono para evitar que a persoa con demencia pase gran parte do día durmindo. Pódese fixar un horario regular para ir durmir e para espertar, evitar sestas que superen os 45 minutos durante o día, evitar ruídos e distraccións á hora de durmir como a televisión, etc.
  3. Recoméndase limitar ao máximo as visitas de familiares, fillos/as, netos/as, entre outros, para así reducir o risco de contaxio. De igual forma, realizar só actividades meramente imprescindibles, como ir á farmacia a buscar a medicación ou ao supermercado a facer a compra, ou axudar nas actividades de aseo ao coidador ou coidadora principal, etc.
  4. É importante que, se estamos a cargo do coidado dunha persoa con demencia, extrememos as precaucións ao saír ao exterior. Ao facer algunha compra e volver á casa, cómpre recordar: lavar correctamente as mans (seguir o protocolo de lavado de mans do Ministerio de Sanidade que se atopa ao final deste documento), empregar solucións hidroalcohólicas, manter a distancia de seguridade con outras persoas para evitar o contaxio e tamén evitar, así, contaxiar á persoa con demencia, etc.
  5. Ademais, é necesario que extrememos as medidas de hixiene da persoa con demencia recordándolle que lave as mans cada pouco tempo ou axudarlle nós a lavalas para evitar contaxios. Temos que ter en conta que os problemas de memoria, de atención, de conduta, etc., que afectan á persoa con demencia van facer que recaia sobre nós a responsabilidade de que eles tomen as medidas hixiénicas recomendadas para previr o contaxio.
  6. O illamento social e a corentena no domicilio son situacións estresantes para calquera persoa; en especial, para as persoas con demencia, que poden non entender a situación. Por iso, debemos evitar, na medida do posible, discusións e/ou enfrontamentos. Nesa situación, o máis recomendable é cambiar de tema e non confrontar, para que a persoa non se altere, na medida do posible.
  7. Durante o período que dure a corentena é importante que realicemos algún tipo de actividade física diaria, ben paseos pola casa cada pouco tempo ou algunha rutina de exercicios moderados. A continuación, déixovos unha rutina de exercicios moi recomendable do Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña, que se pode realizar no fogar para manter e mellorar o noso ton muscular, a nosa forza, mobilidade e a nosa capacidade funcional (https://www.youtube.com/watch?v=DYOTthcWj8g)
  8. Por último, debemos prestar especial atención á alimentación da persoa con demencia. Nestes días, unha alimentación equilibrada e saudable é fundamental. É importante limitar os alimentos graxos, os doces, a bolaría, as galletas, etc., e incluir máis froita, verduras, cereais integrais, pescado… Ademais, é necesario que nos aseguremos que a persoa con demencia beba abundante auga para manterse hidratada.

 

Esperamos que estas recomendacións vos axuden nestes días de illamento.

Moito ánimo a todos/as!!

 

Jesús Mª Andrea Reyes

Terapeuta Ocupacional

AFAGA Alzhéimer

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

− 1 = 1