O edadismo tamén afecta á economía

En España os maiores de 55 anos acaparan o 66% da riqueza do país e son xeralmente ignorados

O edadismo, a discriminación por motivos de idade, afecta de maneira especial ás persoas maiores debido aos estereotipos e prexuízos que se estenden sobre elas. Pero non son as únicas afectadas, a sociedade en xeral perde por mor desta discriminación. Por exemplo, en termos económicos.

Na recente reunión do movemento iberoamericano contra o edadismo ‘Stop Idadismo’, do que AFAGA forma parte, o tema central foi como afecta esta discriminación á economía dun país. Os datos desmenten que os maiores sexan só un colectivo que crea ‘necesidades’, ao contrario, achegan moito máis do que xeralmente se pensa:

“En España os séniors acaparan o 66% da riqueza” Ana Bedia de ’65yMás’

“A contribución das persoas maiores ao PIB de España é superior ao 30%”, cóntanos Irene Lebrusán de CENIE

Institucións públicas e privadas esquecen ás persoas de máis de 55 anos, ignóranas e, con iso, pérdense grandes oportunidades

As empresas, por partida dobre:

  • non os teñen en conta como consumidores e dirixen as súas campañas a xente máis nova e, presumiblemente, máis ligada a novas tendencias e tecnoloxía
  • non contan con eles como prosumidores. Pérdense os coñecementos e experiencia que estas xeracións máis avanzadas poden achegar á hora de desenvolver produtos ou servizos que ademais eles mesmos van consumir

No ámbito público está claro que frear o edadismo non só freará tamén moitas das patoloxías ligadas a esta discriminación. Tamén engadirá máis axentes activos na participación cidadá a todos os niveis. Evitarase un imperdoable desperdicio de talento.

Esta situación repítese nos 11 países iberoamericanos adscritos ao movemento ‘Stop Idadismo’, afectando con especial relevancia aos sistemas familiar e de saúde.

En AFAGA loitamos activamente contra esta discriminación por idade

Creamos, xunto á Universidade de Vigo, a primeira Cátedra de Edadismo de España, que aborda o edadismo desde distintos puntos de vista.

Damos especial importancia á comunicación, a concienciar sobre esta problemática, a cambiar a concepción de que as persoas maiores xa concluíron a súa traxectoria vital.

Queremos cambiar a mirada, e conseguilo grazas a un labor interxeracional. Tal e como conta o noso presidente, Juan Carlos Rodríguez:

 

Aquí podes ver o vídeo completo desta reunión:

 

O movemento ‘Stop Idadismo’ elaborou unha completa Guía de Boas Prácticas contra o Edadismo que detallaremos na nosa web e redes sociais.

Cales son as túas impresións sobre o edadismo? Afectouche directamente? En que ámbitos consideras que prexudica máis?

Encantaranos lerche nos comentarios 😊👇

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

26 + = 30