Estimulación en domicilio

Estes días, os vosos familiares non poden acudir aos centros terapéuticos aos que acostuman ir. Por mor das restricións de movemento e do illamento social que isto supón, atopámonos nunha situación na que é recomblendable traballar determinados aspectos cognitivos e motores coas persoas con demencia para evitar o aumento do deterioro. Por iso, as psicólogas de AFAGA, Beatriz Rodríguez e Alba López, elaboraron un catálogo de recursos accesibles dende o domicilio que poden paliar parcialmente a ausencia de persoal especializado.

A continuación, propoñemos alternativas terapéuticas que empregan materiais, obxectos e recursos que podedes ter nas vosas casas.

  • Favorecede a orientación. Dedicade todos os días un momento, a primeira hora da mañá, para recordar que día é (día de semana, día de mes, mes, ano e estación). Axudádelles tamén a ubicarse no espazo lembrándolles onde viven (nome da rúa, cidade, provincia e país). Por último, lembrádelles datos básicos como o seu nome, apelidos, nomes dos seus fillos ou fillas, etc.
  • Fomentade a lectura. Se o voso familiar se atopa nunha fase inicial da enfermidade, pode que aínda goce coa lectura dalgún libro que teñades por casa (tede en conta os seus gustos e se antes da enfermidade lle gustaba ler ou non). Hai outras persoas que gozan ollando fotos e lendo os titulares de revistas, xornais, etc.
  • Fomentade a escritura. Se aínda mantén a capacidade de escribir, podedes pedirlle que vos axude a preparar a lista da compra (vádeslle ditando pouco a poco os distintos alimentos, adaptándovos ao seu ritmo). Tamén podedes dicirlle que ides escribir unha carta a algunha persoa coñecida e ditarlle o que queredes que escriba nun folio. Se o voso familiar non é quen de escribir o ditado, podedes probar a escribir unha palabra nun folio e que el ou ela intente copiala.
  • Coloreade. Se tedes ordenador e impresora na casa, podedes imprimir distintos debuxos ou mandalas para que pinte. Se non contades con algunha destas cousas, podedes pintar distintas figuras xeométricas nun folio en branco (círculos, cadrados e triángulos, por exemplo) e pedirlle que pinte os círculos dunha cor, os cadrados doutra e os triángulos doutra. Se tedes a posibilidade de imprimir, poremos unha variedade de 2 a 4 imaxes repetidas que debe colorear, cada unha delas dunha cor distinta, para discriminar os tipos.
  • Cálculo. Podedes escribir nun folio distintas sumas, restas ou multiplicacións para que as realice. Pode que ao voso familiar lle custe facelo por escrito ou que xa non poida realizar o cálculo complexo. Neste caso, podedes fomentar o cálculo dunha forma máis natural e sinxela. Por exemplo, pedirlle que conte os botóns que hai nunha caixa, contar cantas mazás hai no froiteiro, etc. Volvendo ao papel, escribide varias cifras e pedídelle que as volva escribir seguindo unha orde determinada (de menor a maior ou viceversa, os pares e os impares, etc.). Outro exercicio que podedes probar é dicir de palabra algunhas cifras e que o voso familiar as transcriba nun papel. Pode facelo con números ou con letras.
  • Estimulade a discriminación visual/táctil e a psicomotricidade fina. Colocade nunha bandexa varios tipos de legumbres ou tipos de pasta diferentes. Se á persoa lle custa distinguir os distintos alimentos ou se distrae con facilidade, é mellor pór só dous alimentos (por exemplo, arroz e macarróns). Pedídelle que vos axude a quitar todos os macarróns e que os poña noutro plato. Se o fai sen ningunha dificultade, podedes engadir máis alimentos (garavanzos, lentellas, fabas, outros tipos de pasta, etc.). Os xogos de mesa pódenvos axudar. Se tedes o típico xogo das diferenzas, onde teñen que descubrir o que falta entre dúas imaxes case idénticas, xogade con eles/elas. Probade tamén o coñecido xogo do “vexo, vexo”, onde o obxectivo é adiviñar o obxecto no que está pensando a outra persoa. A dificultade irá en función da capacidade que teña o noso familiar, ao que debemos dar pistas sobre como é e para que serve ese obxecto. Outro exercicio é mezclar cartas da baralla dun pau con unha ou dúas doutro pau co obxectivo de que identifique as que non deben estar nese grupo. E, por último, aproveitade as novas tecnoloxías coma o móbil ou o ordenador. Podedes ensinarlles fotografías de persoas famosas ou de lugares coñecidos que deben recoñecer e nomear.
  • Motricidade fina. Abrochade botóns da roupa, desfacede nós duns cordóns, metede botóns por un cordón, clasificade as pinzas da roupa por colores, colocándoas nos bordos dunha caixa, etc.
  • Recortade. Podedes darlle unha revista ou un xornal antigo e pedirlle que recorte as fotografías. Tamén podedes marcar nun folio liñas rectas ou diferentes figuras para que recorte.
  • Entrenade a atención e a concentración. É moi recomendable facer algún exercicio que requira estar atento a unha tarefa concreta. Unha idea pode ser ler unha noticia e contestar a unhas preguntas ao rematar, así como ver unha imaxe e describila despois de tapala -para o que podedes empregar fotografías significativas e traballar así as lembranzas personais-. Outro exercicio pode ser ir presentando cartas da baralla e que só sinale as que pertenzan a un determinado pau, previamente indicado. Por exemplo: “toca só as cartas que sexan de copas”. Outra proposta sería empregar un taboleiro de xadrez e facer un debuxo coas fichas para que o voso familiar o reproduza. Esa mesma tarefa pódese facer nun papel cunha cuadrícula.
  • Xogos de palabras. Trátase de realizar tarefas ociosas e divertidas para traballar as palabras. Non necesitaredes moito material, só o poder da vosa voz e o voxo enxeño. Neste sentido, pódense resolver adiviñanzas, preguntas con varias opcións de resposta nas que teñan que escoller a correcta, buscar palabras que empecen por unha letra ou sílaba determinada, etc. Tamén podedes dicir categorías semánticas para provocar unha listaxe de palabras. Por exemplo: nomes de peixes, países, obxectos de cristal, obxectos de madeira, nomes de muller, etc. Outro exercicio sería o dos antónimos, no que se din palabras e o voso familiar debe escoller a palabra contraria á que vós propuxestes. Unha tarefa que resulta moi beneficiosa é presentar parellas de palabras que teñen algo en común ou unha diferenza moi clara que deben descubrir. Por exemplo, en que se asemellan un coello e un porco ou en que se diferenzan a radio e a televisión.
  • Exercitar a memoria. Dado que a memoria é a función que se atopa máis afectada, podemos estimulala mediante xogos de cartas, fotografías, etc. Presentaranse os obxectos e despois taparanse para fomentar o recordo do que acaban de ver. Outro xogo é o do espello, no que vós facedes unha secuencia de xestos que o voso familiar debe repetir. Por exemplo, abrir a boca e tocar dúas palmas; cerrar os puños, chocalos e abrir as mans, etc. Pódese complicar en función da memoria do voso familiar.

Beatriz Rodríguez e Alba López, psicólogas de AFAGA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

− 1 = 1