Afaga e Amigos dos Maiores (delegación en Pontevedra da Fundación Amigos de los Mayores) asinaron un convenio marco de colaboración que, entre outros obxectivos, pretende mellorar a situación de persoas maiores que padecen Alzhéimer a través do voluntariado.

O acordo foi rubricado por Juan Carlos Rodríguez, presidente de Afaga, e Mercedes Villegas, directora da Fundación Amigos dos Maiores.

Afaga, entidade especializada na atención a pacientes de Alzhéimer e os seus familiares, e Amigos dous Maiores, ONG dedicada a loitar contra a soidade das persoas maiores a través do acompañamento afectivo de voluntarios/ as, traballarán xuntas para obter o máximo aproveitamento mutuo dos seus recursos en beneficio das persoas maiores de Galicia e, en especial, daquelas que padecen Alzheimer.

Cada entidade achegará a súa pontecial

Entre outros aspectos, grazas a este acordo, Afaga proporcionará formación especializada sobre Alzheimer a voluntarios/ as de Amigos dos Maiores, co fin de axudar na detección precoz da enfermidade. Isto é, os voluntarios/ as contarán coas claves necesarias para identificar e xestionar os primeiros síntomas dunha demencia, por se se dese algún caso entre as persoas maiores á que acompañan durante o seu voluntariado.

Doutra banda, un dos principais retos na atención a persoas con Alzhéimer pasa por potenciar unha plena participación social e lograr unha vida autónoma e normalizada, mitigando os efectos da deterioración cognitiva. Para iso o voluntariado está a demostrar ser un aliado idóneo.

A través do acompañamento que ofrecen os voluntarios/ as e a participación das persoas maiores en actividades de socialización, estas fortalecen as súas capacidades persoais e sociais. Dese modo fréase a soidade non desexada, un factor de risco da deterioración cognitiva e as demencias, que ten no illamento a un dos seus primeiros síntomas.

 

Día Internacional dos Voluntarios

Por todo iso, ante a conmemoración este 5 de decembro do Día Internacional dos Voluntarios, Afaga e Amigos dos Maiores fan un chamamento a toda a sociedade galega para fomentar o voluntariado, dados os seus demostrados beneficios tanto na persoa maior como na persoa que realiza o voluntariado.

Juan Carlos Rodríguez resaltou a importancia deste acordo, “que pon de manifesto a implicación de moitas persoas través do voluntariado para conseguir unha sociedade máis solidaria e inclusiva. Unha sociedade comprometida coas persoas maiores e con quen sofre demencias, un colectivo moi vulnerable, que necesita todo o noso apoio”.

“Ante a actual tendencia demográfica e de envellecemento, as organizacións sociais que traballamos polo benestar das persoas maiores estamos chamadas a ter un papel cada vez máis importante na sociedade. E se o facemos xuntas e complementámonos, beneficiaremos ás persoas maiores e os seus familiares, que son o máis importante”, sinalou Mercedes Villegas. “A alianza con Afaga reforza a aposta de Amigos dos Maiores por un voluntariado cualificado e de calidade”, engadiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

+ 30 = 37