Daniel Fernández antes de comezar o seu reto.

Daniel Fernández, un mozo de Gondomar, propúxose cumprir tres retos ao longo de 2017, en solidariedade coas persoas enfermas de alzhéimer e as súas familias. O obxectivo é recadar fondos que doará á nosa asociación, Afaga Alzheimer, e que se destinarán á posta en marcha de novos programas e servizos dirixidos ao colectivo. Para iso, abriu unha páxina de Facebook, na que aparece un número de conta onde se pode doar: Reta3 Muévete por el alzheimer.

O primeiro destes tres retos era correr durante 24 horas seguidas polo paseo de Praia América e Panxón. E así o fixo o pasado venres, 5 de maio. A pesar das condicións climatolóxicas en contra, ás 12,00 horas comezou a súa aventura e estivo a correr ata as 12,00 horas do sábado, 6 de maio. Despois de percorrer 143 quilómetros.
Choveu moito, granizó, houbo tronos, moito vento,… e aínda así non cesou no seu empeño de cumprir o seu reto, que finalizou con éxito.

Desde o Concello de Nigrán apoiaron esta iniciativa desde o principio. Ademais de facilitar o desenvolvemento da proba, colaboraron cos carteis, a pancarta e as camisetas. E  non só iso, Daniel contou coa compañía do alcalde da localidade, Juan González, que correu bastante tempo con el, tanto o venres como o sábado.

Á dereita da foto e falando con Daniel, Juan González, alcalde de Nigrán.

Daniel está moi sensibilizado coa enfermidade porque perdeu ao seu avó hai dous anos a causa do alzhéimer e a diabetes. Por iso, como o mesmo conta: “cando isto sucede (cando a un familiar diagnostícanlle alzhéimer) non temos que rendernos, é o momento de acordarnos deles e loitar polo máis valioso que hai que son os recordos. Talvez non exista un remedio para curar o alzhéimer ou iso dinnos, pero para min se existe e ese remedio é estar día a día con esa persoa e lembrarlle constantemente o que significas para el e o que el significa para ti”.

“Con estes retos non só pretendo correr unhas horas e pedalear outras tantas, o que busco é concienciar á xente para que non se esquezan destas persoas e axudalas a que os seus recordos permanezan máis tempo na súa memoria e para iso, Afaga axudaravos a levar a cabo talleres con estas persoas e facerlles a vida máis fácil a algunhas familias que teñen unha persoa con alzhéimer”, explica.

Unha gran fazaña, por unha boa causa!

Final do reto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

23 − = 22