«Rexurdir», escrito por Marzán del Valle, es un relato que nos cuenta la historia de Roi. Un hombre que visita con frecuencia una residencia para ver a su padre, quien no lo recuerda al padecer de Alzheimer u otra demencia. Sin embargo, todo cambia de un día para otro con la llegada de la pandemia. Nuestro protagonista, a pesar de la angustia y el miedo que siente por su padre, aprenderá que quizás es más fuerte de lo que él mismo esperaba.
Disfruta del relato:
Rexurdir
1 de marzo de 2020
Roi saíu triste da residencia onde vivía o seu pai Carlos; sempre lle acontecía o mesmo porque sentía carraxe por non poder falar con el.
— Esta semana fun onda Adela tomarlle un café, lembras quen é?
— …
O alzhéimer tiña a Carlos en brumas, estando pero sen estar. Había tempo que xa non recoñecía ao seu fillo nin respondía aos estímulos deste. Sen embargo, Roi tiña a ilusión de que, algún día, reaccionase. Cando volvía á casa, Roi pensaba no que tivera que sufrir o seu pai cando se dera de conta de que perdía a cabeza e pedía non ter que pasar nunca por iso.
10 de marzo de 2020
Roi estaba inquedo e sentía remorso por pensar que, se cadra, nunca estivera á altura do que quería seu pai; e agora non podía falar con el. O medo e as inseguridades paralizábano en todo o que facía e sentía unha ansiedade crecente no seu traballo e nas relacións cos amigos. Ese día foi ao Centro de Saúde renovar as súas receitas e viu un piquete da Policía Local custodiando a entrada; pensou que algo malo viña.
14 de marzo de 2020
O Goberno declarou o Estado de Alerta en toda España pola pandemia sanitaria do Covid-19 e o confinamento domiciliario. Roi ese día estaba tranquilo porque o vía vir e, conversando coa súa nai, dixo:
— Veñen tempos complicados, pero creo que os hei aguantar.
— A ver se dis isto en pasando un mes — retrucou ela.
15 de abril de 2020
Roi estaba farto. Ao primeiro non notara moito o cambio porque xa teletraballaba antes, pero o confinamento supuxera unha drástica redución dos encargos e, o día 10 de abril, xa non tiña ningún. Non sabía como facer para arranxar ese problema e preocupábase pola falta de cartos. Aínda que paseaba polo xardín da casa, estaba moi nervioso porque nunca lle acontecera tal cousa dende que traballaba escribindo. Ás veces faltáballe o aire e xa non podía escoitar as novas
ou ver a televisión con normalidade; andaba até cansar.
Por outra banda, as novas que chegaban dos contaxios nas residencias atemorizábano. Levaba un mes e medio sen poder visitar ao seu pai e día tras día, chegaban os datos das mortes, que se centraban no seu grupo de idade. Só recibía de cando en vez algunha videochamada onde o vía, pero sempre que oía o teléfono da súa nai sentía que o corazón lle daba un brinco. “E se chaman para dicir que a papá lle pasou algo?”, pensaba.
Esa noite sentiu que estaba ao límite, que non podía aguantar máis e que as tilas non lle facían nada. E decidiu escribir na cama; o que facía todos os días no seu traballo decidiu facelo como afección, sen pretensións, para desafogar. Cando puña sobre un papel o que sentía sen censuras, relaxábase.
15 de xuño de 2020
Roi traballaba a pleno rendemento; a angustia rebaixárase e a escritura nocturna calmárao moito. Nunca o pensara antes, pero agora buscaba un lugar onde escribir cun sentido máis artístico e creativo; non tiña por que limitarse a ser un copywriter. Agora era proactivo, collía máis traballos e buscaba novos clientes, saía con normalidade e mesmo tomaba café cos seus amigos da vila. Si,
definitivamente estaba mellor que antes do confinamento porque aprendera en tres meses máis que en dez anos.
27 de xullo de 2020
Roi volvía ver ao seu pai porque na residencia xa abriran as visitas con antelación. Cando sentaron xuntos, díxolle moi seguro:
— Papá, agora sei que son máis forte do que pensaba.