Entrega de galardóns ‘Nun Recuncho da Memoria’

afaga alzheimer entrega premios relatos 2021
Foto de familia co premiado, o deputado provincial e algúns membros da Xunta Directiva de AFAGA

Esta mañá tivo lugar a entrega de premios aos gañadores da VI edición do concurso de relatos curtos sobre alzhéimer ‘Nun Recuncho da Memoria’.

O acto tivo lugar na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra e estivo presidido polo deputado provincial Carlos López Font e o presidente de  Afaga, Juan Carlos Rodríguez.

Os premiados desta edición foron: Javier García Bello, natural de Sada (A Coruña), co relato ‘ Avoíño’, e  Valeria Rey Maldonado, natural de Puerto Rico, aínda que vive en Madrid, co relato ‘Memorias para oler’.

Javier García asistiu ao acto desta mañá, pero Valeria Rey non puido desprazarse ata Vigo, polo que estivo presente de forma virtual cun vídeo de agradecemento que se retransmitiu durante o acto.

Juan Carlos Rodríguez lembrou que “son momentos moi complicados para as persoas con alzhéimer e para as súas familias e non podemos esquecer que están aí e que necesitan todo o apoio sanitario e social para seguir levando unha vida tranquila e o máis normalizada posible, por iso son imprescindibles os servizos intermedios como os talleres de estimulación e os programas de apoio a coidadores para levar mellor a nova normalidade“.

Pola súa banda, Carlos López Font, sinalou que estes premios son moi significativos e trátase dunha iniciativa “sobresaliente, que pon en valor a realidade que día a día viven moitas familias e o labor de coidadores e familiares a quen hai que recoñecer o seu traballo“. Tamén encomiou o labor que realiza AFAGA desde hai 25 anos, que “realiza un traballo imprescindible para a sociedade“. López Font resaltou que “antes desta pandemia padeciamos un alzhéimer social que nos levou a despreocuparnos das persoas que máis necesitaban o Estado de Benestar e consentimos que este se recortase. Pero é o momento de reflexionar e corrixir os erros, porque hoxe é máis necesario que nunca o apoio de todas as institucións aos colectivos máis vulnerables, como as persoas con demencia e as súas familias“.

O broche final púxoo Raúl Pérez, o premiado da edición do ano pasado, que fixo un breve pero entrañable discurso.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio