‘Comer o mar’

afaga alzheimer relato comer o mar

Hoxe comín papas de millo outra vez. Díxenlle ó meu Paulino que xa estaba cansa de comer sempre o mesmo. Lembrei a nosa viaxe logo da nosa voda á Illa da Toxa na que por primeira vez comín un boi.’ […]

Ultimamente o meu Paulino parece un tanto distante, non fala gran cousa. Ás veces achégase a min, dime unhas palabras na orella e faime rir. Pero non sei, nótoo ben raro. Moitas veces marcha cedo pola mañá e non o volvo ver ata o día seguinte,…’

A que sabe o mar? A que saben os recordos? A que sabe o agarimo?,… Un relato cheo de sentimentos, lembranzas, nostlaxia,… Unha ledicia!

Desfruta do relato:

Comer o mar

Raúl Manuel Pérez Álvarez

Hoxe comín papas de millo outra vez. Díxenlle ó meu Paulino que xa estaba cansa de comer sempre o mesmo. Lembrei a nosa viaxe logo da nosa voda á Illa da Toxa na que por primeira vez comín un boi. Non deses que usamos aquí no Ribeiro para cargar coa colleita e que sempre van en pares, enganchados ó carro coa súa canga. Non, estes éranche distintos, bastante máis pequenos e con máis patas. Estes seica que saían do mar, e abofé que si. Foi abrir a súa cuncha encarnada e cheirar as mesmísimas rías. As papas non cheiraban a
nada, nin ben nin mal, simplemente baixaban pola gorxa sen deixar o menor rastro de calquera sabor, o peor é que me atragoei e o meu Paulino, en vez de darme uns toques nas costas, botouse a rir coma un neno pequeno. Non berrei con el porque o quero, funche ben afortunada en dar con tal home!. Non creo que ningún outro quixera levarme con el ata a Illa da Toxa a comer o mar. Os demais homes limitábanse a dicir o “sí quiero” na igrexa e ó día seguinte ían ata Ribadavia a xogar ás cartas mentres as súas flamantes mulleres ían ó río lavar a roupa tan elegante que vestiran o día anterior.

Ultimamente o meu Paulino parece un tanto distante, non fala gran cousa. Ás veces achégase a min, dime unhas palabras na orella e faime rir. Pero non sei, nótoo ben raro. Moitas veces marcha cedo pola mañá e non o volvo ver ata o día seguinte. Supoño que despois de ir de vendima botará unhas partidas cos amigos e xa sabemos que moitas veces as partidas fanse tan longas que hai que acompañalas cun bo ribeiro do país. Eu sonche unha persoa de durmir bastante pronto e seguramente que cando chega a casa, por non molestarme queda a durmir no sofá co can, esperta e volve ás viñas a apañar uvas.

Dende que caín polas escaleiras e rompín os cadrís pouco fago amais de laiar e queixarme. Non lembro moi ben como foi a caída pero debeu ser unha boa, dóeme a morrer e aínda por riba tenme prostrada na cama dende xa hai non sei canto tempo. Menos mal que o meu Paulino trátame como unha raíña: espértame todos os días cunhas verbas de cariño, carga comigo e lávame con tanto coidado coma se fora un bebé. O único problema é a comida, el nunca foi moito de cociñar e agora teño que comer papas día si e día tamén, pero que lle vou facer? Casei cun labrego non cun cociñeiro.

Esta tarde pasou algo estraño, debín quedar media durmida de tanta pastilla que tomo para a dor que soñei que unha muller se achegaba a min e me preguntaba se quería ver a miña filla, unha bebé envolta nunhas sabas que, aínda que fora un soño, cheiraban a margaridas. Cando espertei aínda recendía, as margaridas sempre foron as miñas flores favoritas e o soño, aínda que estraño, deume unha calma que había tempo que non sentía. O meu Paulino e mais eu temos planeado ter o noso primeiro fillo pronto, pero parece que despois do incidente coas escaleiras imos ter que esperar un pouquiño máis. Hai uns anos dende que casamos, mais pensabamos que agora era o momento máis axeitado. Ó meu Paulino non lle gusta falar moito diso, en realidade, ultimamente non lle gusta falar demasiado.

Hoxe debo descansar, mañá vai ser o primeiro día que saia á rúa despois de todos estes meses encerrada na casa que me viu nacer, mais deben ser os nervios que non me deixan durmir, iso, ou os ronquidos do meu Paulino, que semella unha locomotora durmiñona. Ata iso me gusta del; en certo modo, escoitalo tranquilízame e transpórtame ós días cando nos coñecemos, na romaría de San Xes, ó lado da capela. El estaba rodeado de mulleres que devecían por el, pero eu notaba na súa mirada que non lle interesaban. Cando as mozas se deron por vencidas, Paulino fíxome un aceno de que me achegase. A miña táctica funcionou, sabía que a el non lle gustaban as cousas doadas e eu era moi teimuda. Finalmente, o “padre Joaquín” cachounos dándonos bicos entre os carballos coma dous parvos e ó día seguinte tivemos que ir confesar. Debo dicir que confesaría cen veces máis se fixera falta.

A luz entra pola ventá, o meu Paulino non está. De repente sinto unha dor aguda nas costas e póñome a berrar. Entón vén Paulino coas miñas papas.

— Estás ben, miña Delfiniña?

— Si, só me doe o lombo un pouquiño.

— Máis lle debeu doer onte ó porco da Ramona. Hoxe ó ir coller auga á fonte topei con ela e deume unha bolsa chea de cocho, ata meteu os andares.

— Iso significa que esta tarde non haberá máis papas?

— Éche unha sorpresa. Pero o primeiro é o primeiro.

Paulino saíu un momento do cuarto e volveu coa súa boina na testa e cunha cadeira de rodas. Colleume delicadamente, pousoume nela e paseniñamente fomos saíndo.

— Xa era hora de saír, non é, parrula?

Non sei que dicir, estou un pouco mareada e cústame pensar, a casa dáme voltas.

— Quérote a morrer, miña Delfiniña.

Estou a punto de responderlle cando, de repente, sinto a cadeira esvarar e diríxome a outra caída segura por unhas escaleiras infinitas. Pecho os ollos.

— Mamá! Mamá! Non! Non pode ser! Esperta mamá, por favor!

— Acouga, Margarida. Xa se foi. É o mellor para todos, tamén para ela, xa nin nos coñecía. Agora xa está co teu pai.

Esa noite, coma decotío, os corredores da residencia asolagáranse de choros.

Outra vítima máis da enfermidade do esquecemento.

Noutro lugar do universo, alén do tempo e do espazo, unha muller e un home falan tranquilos.

— Xa tiña ganas de volver comer o mar, estaba farta de papas de millo.

— E eu xa tiña ganas de volver a ver o mar dos teus ollos azuis, miña Delfiniña.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio