Entrega de Premios do X Certame de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ – 2024

entrega premios afaga

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) celebrou este mércores 18 de setembro ás 12:00 na sede da Deputación Provincial de Vigo o acto de entrega de premios do X Certame Literario de Relato Curto ‘Nun Recuncho da Memoria’ 2024. Con motivo do 30 aniversario da asociación, os relatos debían estar redactados en primeira persoa e orientar a súa temática en ton ao lema de ‘Ponte na pel do Alzheimer’, para empatizar coas persoas que sofren esta enfermidade.

Nesta décima edición resultaron gañadores os relatos ‘As maceiras do avó’, de Irene Ángela Alonso Gasalla, que acompañou o texto cunha ilustración orixinal, e ‘Se fue’, de Miguel Ángel Peñuelas Ayllón, nas categorías de galego e castelán, respectivamente.

Así mesmo, outros tres relatos ‘Delia, dos Peares’, de José María Búa Domínguez (versión en castelán), ‘Vinte e tres cabalos’, de Alejandro Enrique Solla Alonso (galego) e ‘Tempo’, de Paz Valero (castelán) recibiron o galardón de finalistas, pola súa frescura e calidade técnica da linguaxe.

Ao acto acudiron a deputada provincial de Benestar Social e Igualdade María Sandra Bastos, o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e a vicepresidenta de AFAGA, Olga Milla, quen deu un breve discurso de benvida agradecendo a asistencia, a colaboración da Deputación e a participación da propia deputada como membro do xurado do certame.

whatsapp image 2024 09 18 at 13.52.03 (3)

Olga Milla destacou ademais no seu discurso a aposta de AFAGA por seguir dando respostas aos retos da lonxevidade e as demencias nun contexto de cambio de paradigma, con diagnóstico máis temperán e que precisa de intervencións que teñan en conta os desexos e preferencias das persoas, mediante a innovación.

Tras unha intervención da deputada provincial, encargada ademais de facer entrega dos galardóns aos premiados, Olga Milla agradeceu a participación aos autores dos 95 relatos presentados, encomiando a súa gran calidade.

whatsapp image 2024 09 18 at 13.52.04 (3)

Seguidamente, Miguel Ángel Peñuelas, gañador na categoría de castelán, leu o seu relato de forma telemática, por atoparse físicamente realizando o Camiño de Santiago, e a autora Irene Ángela Alonso, gañadora do relato en galego, leu en sala a súa obra ‘As maceiras do avó’.

whatsapp image 2024 09 18 at 13.51.58

Este acto de entrega de premios de relatos curtos forma parte das actividades previstas por AFAGA durante toda esta semana, con motivo da celebración do Día Mundial do Alzheimer, o vindeiro sábado 21 de setembro, e encádrase ademais no programa de actos polo seu 30 aniversario como asociación ao servizo de pacientes e familiares.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio