A resiliencia dos coidadores familiares

Resiliencia

Os/as coidadores/as familiares de persoas con algún tipo de demencia xa xerastes, en moitos casos, unha capacidade de aprendizaxe a par da enfermidade do voso ser querido que leva a que teñades unha visión real, natural e positiva da atención e do acompañamento dos mesmos; unha gran capacidade de xestión das vosas emocións; un recoñecemento da necesidade de axuda e como solicitala… Por iso, cando chega unha crise coma a actual do COVID-19, creo que contades cunha certa vantaxe con respecto ás demais persoas que non pasaron antes por unha situación de adversidade: sabedes aceptar e acompañar a unha persoa da vosa contorna cunha enfermidade neurodexenerativa.

XA TEDES UN MAIOR NIVEL DE RESILIENCIA!!!!

Porque a resiliencia poténciase cando empregas estratexias de afrontamento das situacións, cando aumenta a vosa capacidade para resolver problemas ou a vosa competencia social, así como iniciar ou manter os apoios do sistema familiar e social.

Recordar estes aspectos e intentar xeralos ou mantelos nesta situación excepcional que nos tocou vivir levará a que poidamos saír desta época, que pode chegar a xerarnos incerteza, angustia, medo, etc., reforzados/as, individual e colectivamente.

Propóñovos unha lista de actitudes que máis que nunca debemos ter presente e intentar pensar, reflexionar e levar a cabo durante estes días de illamento (tendo en conta que o voso nivel de estrés e sobrecarga puido ter aumentado debido ao estado excepcional tamén do voso familiar).

  • Establecer e manter relacións sociais (por medio de chamadas telefónicas, videochamadas ou a través das ventás e terrazas cos nosos veciños e veciñas)—TEMOS TEMPO.
  • Aceptar axuda e apoio, do mesmo xeito que vós o dades (AFAGA segue ao voso lado 986 22 97 97 e tamén os servizos sociais do voso Concello e o teléfono 900 400 800 da Xunta de Galicia)NON ESTADES SÓS/SOAS.
  • Evitar ver esta crise coma un problema insuperable. PASARÁ! Non podemos cambiar esta situación, pero si a forma en que a “vemos”.
  • Aceptar que o cambio forma parte da vida, aínda que non esperabamos un COVID, e aceptar tamén que é o que podemos facer para cambiar esta situación. QUEDAR NA CASA, PROTEXERNOS E PROTEXELOS, algo que estades facendo marabillosamente.
  • Buscar os vosos momento de AUTOCOIDADO dentro da rutina de coidados do voso familiar. Non podemos esquecer, e menos neste momento, que para coidar doutras persoas temos que coidarnos nós primeiro, para así poder ofrecer o mellor de nosoutros e nosoutras. ACTITUDE POSITIVA, CALMA E CARIÑO, aínda que sexa respectando o metro de distancia.
  • Intentar facer algo por e para ti que quedou pendente porque o tempo non daba para máis. LER UN LIBRO MOI GORDO, APRENDER ALGUNHAS RECEITAS NOVAS DE COCIÑA, BAILAR, ESCRIBIR, PINTAR… ou simplemente escoitar ESA MÚSICA que tanto nos relaxa.
  • Practicar técnicas de relaxación (física, mental, espiritual…) para desconectar das noticias que chegan a nós todos os días e que temos que relativizar e neutralizar. EVITAR O CONTAXIO EMOCIONAL.
  • Dádevos o dereito a ter momentos menos alegres, onde as emocións e os pensamentos asociados non sexan os que quereriamos ter… TEDES DEREITO; e, a continuación, poder gozar deses outros momentos marabillosos, tranquilos, cun punto de alegría e humor que temos tamén en momentos de crise.

ISTO PASARÁ… MOITA ENERXÍA, PACIENCIA E TEMPERANZA.

Maxi Rodríguez 

Psicóloga de Familia de Afaga Alzheimer

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio