Avoíño

afaga alzheimer relato avoíño

‘Avoíño’, escrito por Javier García Bello é o relato gañador do VI Concurso de Relatos Curtos sobre Alzhéimer ‘Nun Recuncho da Memoria’, na categoría de galego.

Un relato escrito durante o confinamento pola Covid-19 que fusiona moi ben a situación que se viviu durante a corentena co illamento que sofren as persoas con demencia a causa da súa enfermidade. Tamén é un perfecto reflexo dos problemas aos que se enfrontaban os familiares coidadores e os sanitarios.

Desfruta do relato:

Avoíño

Coma cada mañá dende que empezou isto, abro o portal do edificio de meu avó. Tráiolle a comida nas friameiras para todo o día. Subo a escaleira amodo, paseniño, respirando profundamente, collendo forzas. Hoxe estame custando máis do habitual, non sei se terei ánimo suficiente para non contarllo… Chego á porta, meto a chave, abro con moito coidado para non asustalo. As súas rutinas aínda as conserva, leva tantos anos facendo o mesmo… Case toda a vida, e é probable que sexa unha das últimas cousas que esqueza.

Deixo a comida enriba da mesa da cociña mentres se está aseando no baño e antes de que saia volvo cara á porta coa fregona na man e apóioa cruzada dous metros antes de min e co corredor en penumbra… Non quero que corra riscos comigo nin que me vexa así.

—Quen anda aí! –di algo asustado Perfecto.

—Son eu, avoíño –respóndolle como podo cos beizos tremendo constantemente e cunha congoxa na alma imposible de controlar, pero cun ton o máis suave posible.

–Ah! Asustáchesme, Andrés, fillo. Que é iso de boíño? Se ti de bo nunca tiveches nada, que sempre fuches un traste, ha, ha, ha! –ri con gana.


Estame confundindo con meu pai, pero non quero contrarialo, e menos hoxe. Papaíño… Esta noite, acabando a miña quenda no hospital, recibín a noticia de que non superara a infección do virus. Unha médica da UCI achegouse á miña planta para contarmo en persoa. Viña cuberta e protexida, tan só se lle vían os ollos, pero non tivo que dicir nada. A súa mirada berraba compaixón, máis tamén esgotamento e rabia. Xa levamos demasiados días vendo coma escapan as vidas das nosas mans sen poder facer nada.


—Xabi, síntoo moito –articula a médica con moito esforzo.

—Grazas, grazas por todo, doutora. Grazas por estar aí con eles e non deixalos sós, grazas por coidalos por todos nós –aléntoa a pesar da miña dor.

—Teu pai era un home forte e loitou con todas as súas forzas ata o último momento. A concentración de virus no seu corpo foi moi grande en moi pouco tempo e non o resistiu –desafoga ela–. Quero que saibas que a muller está na UCI pero mellora, e a súa filla está sa e sen rastro do virus.

—Alégrome que ambas vaian ben –meu pai, sarxento da Garda Civil xa preto da xubilación, tras unha longa quenda de traballo onde axudou a trasladar case sen medios un cento de maiores dunha residencia desbordada polas circunstancias, veu como un auto impactaba contra o muro dunha casa.

Dentro do vehículo, unha muller grávida perdera o pulso e practicoulle reanimación ata que chegaron os medios. Despois soubo que estaba infectada, pero iso pouco lle importou. De telo sabido antes, faría exactamente o mesmo.

Perfecto intenta achegarse a min.

—Non veñas! O chan está mollado. Trouxen comida, caeu parte polo piso e estiven a limpar –minto para poder telo controlado e que non se achegue a min. Ser sanitario neste momento, coa pandemia estendéndose por todo o mundo, é un risco para calquera; toda precaución é pouca cos seres queridos, e cos que non o son.

—Ai, debes ter coidado, sempre cho digo, Andresiño –aconsella meu avó cun sorriso na boca.

—Si, sempre mo dis, e así e todo algunha vez váiseme a man. Que lle vou facer? – respondo.

—Véxote esgotado. Son moi longas as gardas no cuartel? Sabes que non tes que traballar tanto para que me sinta orgulloso de ti, sábelo, non? –insiste Perfecto–. Vouche facer un cafeíño –ao mesmo tempo que o está a dicir entra na cociña, mira para a mesa coas friameiras uns segundos e volve dar a volta.

— Ah! Quen anda aí? –pregunta Perfecto, asustado de novo–. Andresiño, vaia susto me deches! Non me estraña que acabases de garda civil, co silandeiro que es, ha, ha, ha! Quedas a comer? Teño unha chea de friameiras con comida na cociña.

—Non podo quedar, teño que ir traballar e só vin facerche unha pequena visita por se necesitabas algo –sígolle o xogo para non desconcertalo.

—Estou ben, fillo. Ten coidado aí fóra e coida a xente como ti sabes. Quérote moito –ao mesmo tempo que o di, Perfecto xira sobre si mesmo e vai cara ao cuarto do fondo.

—Eu tamén te quero moito, avoíño –respóndolle mentres unha bágoa esvara pola miña meixela.

Perfecto, ao sentir “avoíño”, para en seco e da a volta lentamente. Os seus ollos ábrense e a pesar da penumbra podo ver como unha pinga de lucidez aparece na súa faciana.

—Xabi, pequeno! Que ocorre? Estás ben? –algo na miña mirada fai cambiar a súa expresión–. É teu pai, non si? –sen esperar confirmación ningunha, segue falando–. Sempre estarei moi orgulloso del, amou a vida e sempre tentou salvar a dos demais – mentres dicía isto, unhas bágoas brotan dos seus ollos e tapa a cara. Ao cabo dun minuto eterno aparta as mans.

— Ai! Andrés, vaia susto que me deches! Vés facerme unha das túas visitas de médico ou quedas a almorzar?

—Non podo quedar –respondo como podo–. Teño que ir traballar e xa chego tarde. Tan só quería verte.

—Pois xa me viches, fillo. Ten moito coidado e cando volvas, se non che importa, tráeme algo de comer, que teño a neveira baleira –pídelle Perfecto.

—Fareino. Quérote moito –dígolle a modo de despedida.

—Eu tamén te quero, fillo. Axuda a xente como ti sabes. Non sabes o orgulloso que estou de ti… –despídese Perfecto.

—E eu de ti –afirmo mentres pecho a porta.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio