A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) e o Colexio Oficial de Dentistas de Pontevedra e Ourense asinaron un convenio de colaboración para desenvolver accións conxuntas enfocadas a mellorar a prevención, o diagnóstico e o seguimento clínico da saúde bucodental das persoas con deterioración cognitiva.
O acordo, alcanzado o pasado 1 de setembro, inclúe a posta en marcha de campañas de sensibilización e capacitación comunitarias, así como de obradoiros e conferencias divulgativas no ámbito da saúde cerebral, o impacto do Alzheimer e as demencias, o apoio á autonomía e os coidados, a inclusión cognitiva ou proxectos de investigacións biomédicas, entre outros.
Co obxectivo de lograr unha mellor abordaxe da patoloxía, ambas entidades cooperarán ademais para formar nesta área aos seus profesionais, defender os dereitos das persoas afectadas e coidadoras e traballar na desestigmatización das demencias na sociedade. Farano a través da difusión de información de interese común nas súas canles de comunicación, mediante a participación en actividades, obradoiros e eventos ou a cesión de espazos. Tamén ofrecendo apoio en accións de incidencia ante autoridades sanitarias e sociais.


O presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), Juan Carlos Rodríguez, e a presidenta do Colexio Oficial de Dentistas de Pontevedra e Ourense, Adriana Sanz, durante a firma.

