O día a día dunha persoa con demencia

afaga alzheimer día a día persona demencia

Recomendacións para estes momentos no domicilio

O equipo de traballo de AFAGA é consciente da realidade que están a vivir estes días as familias de persoas con demencia. Dado que as intervencións nos centros están suspensas, cremos conveniente proporcionar unha guía de actuación que vos axude a vós e aos vosos familiares.

As rutinas diarias son fundamentais para que o voso familiar leve un día a día organizado. Poderá desenvolver algunhas actividades de maneira autónoma, xa que iso reforzará a súa autoestima. Non obstante, por mor do illamento físico e social ao que están expostos, poden aparecer algúns síntomas negativos propios da demencia como a desorientación, o nerviosismo, a irritabilidade, a apatía ou a axitación, pero que nestes momentos poden aumentar.

As actividades de estimulación son fundamentais para que o cerebro se manteña activo. Traballar a linguaxe, o cálculo, o razoamento e a memoria convírtese nun labor diario que podemos continuar estimulando nos vosos domicilios.

Rutinas diarias

A continuación, darémosvos algunhas ideas que levar a cabo con eles ou elas ao longo destes días. En primeiro lugar, tendo en conta que hai que manter unha rutina de horarios e que as actividades que podemos desenvolver son máis limitadas, non é necesario madrugar, pero si establecer un horario para erguerse.

O mesmo ocorre polas noites. É importante manter o horario habitual para previr problemas no sono, espertares nocturnos ou desorientación. Ademais, previremos o cansazo durante o día e os episodios de somnolencia.

Alimentación saudable

A alimentación debe realizarse mediante unha dieta saudable, como ata o momento, intentando evitar as comidas copiosas altas en calorías e graxas, dado que o gasto físico será menor; así, evítase o aumento de peso. Isto axudará tamén a conciliar mellor o sono. Ademais, débense incluír alimentos ricos en fibra e inxerir suficiente cantidade de líquidos para previr o estrinximento ante a diminución da actividade física.

Socialización

A comunicación e a interacción son fundamentais ante a redución do círculo de familiares. Destinar un tempo diario a falar e conversar sobre algún tema significativo para o noso familiar convertirao no protagonista da nosa atención. Evitade incidir no motivo do confinamento; informade, pero sen alarmar, reforzando a súa actitude colaboradora. Estes momentos poden converterse nunha oportunidade de aprender cousas xuntos, para descubrir novas emocións e gozar das súas lembranzas.

Exercicio físico

Ao non poder saír da casa, o exercicio físico e o movemento son os máis afectados. Existen varios vídeos dispoñibles na rede onde se explican pequenos exercicios e mobilizacións para realizar diariamente coa supervisión dun familiar. O importante é que teñan un modelo para poder seguir as instrucións que se lle van transmitindo. Este momento pode converterse noutra oportunidade de interacción e bromas. Acompañar esta tarefa con música animada favorecerá a motivación e o ritmo da actividade. Incluso o baile adoita provocar unha boa resposta neles, xa que mesturan movemento, linguaxe e contacto físico.

Fomentar a autonomía

O noso familiar pode realizar algunhas tarefas domésticas como varrer, axudar a facer a cama, organizar a súa habitación, regar as plantas, poñer a mesa, dobrar a roupa, etc. Coñecedes o que lle gusta e o que menos, polo que escolleredes o que mellor fai. O sentimento de ser útiles no domicilio fomentará a súa autoestima.

Estimulación cognitiva

Por último, non nos podemos esquecer das actividades e tarefas de estimulación cognitiva. En AFAGA levamos a cabo talleres moi estruturados en canto a tempos e tipo de actividades. Sabemos que nos domicilios é máis complicado, xa que na casa non temos os mesmos recursos. Non obstante, sorprenderédesvos cando vexades o que podedes facer con moitos dos obxectos que tedes ao voso alcance.

No artigo anterior, “Alternativas de estimulación no domicilio”, facemos varias propostas para traballar en casa co voso familiar. A continuación, propoñémosvos de novo algunhas actividades de estimulación con obxectos cotidianos:

  • Ler en voz alta algunhas noticias do día que axudarán a orientarse no tempo e no espazo.
  • Copiar poemas ou escribir unha pequena carta contando o que fixo ese día (proporcionándolle axuda sempre que sexa necesario).
  • Facer traballos manuais como calcetar, pintar, facer punto de cruz… Debe tratarse sempre de actividades que lles guste facer. Tamén podedes pintar algún debuxo ou mandala, recortar formas ou figuras de revistas, etc. Estas actividades manuais favorecen a atención e, ao mesmo tempo, o entretemento.

Reservar un espazo de tempo para o ocio é beneficioso. Xogade ás cartas, ao dominó, realizade sopas de letras, escoitade música, cantade ou bailade. Todas estas actividades poden substituír a ausencia de visitas e outras interaccións. Manter a mente ocupada en algo que nos gusta fará que o tempo pase máis rápido.

A continuación, propoñémosvos un exemplo de planificación do día que pode servir para que o empreguedes nas vosas vidas, aínda que recomendamos que cada un o adapte á súa situación particular.

Pola mañá:

  • Erguerse cada día á mesma hora.
  • Hixiene matutina: ir ao servizo, lavar as mans e a cara.
  • Almorzar
  • Hixiene: mans e bucodental.
  • Actividade cognitiva: sempre adaptada á capacidade da persoa, dende realizar exercicios ou actividades específicas de que dispoñamos, a participar nun xogo de mesa ou realizar actividades de apoio nas tarefas domésticas: tender a roupa, dobrala, limpar verduras, varrer…
  • Actividade física: realizade algúns exercicios suaves de estiramento ou de coordinación.
  • Pequeno aperitivo.
  • Salide algún tempo ao balcón, á terraza ou, simplemente, asomádevos á ventá para que vos dean un pouco o sol e o aire. Pode aproveitarse para facer xogos estimulantes: enumerar o que se ve, contar os farois, as árbores, indicar cousas dunha cor específica…
  • Preparade a comida e colaborade nas tarefas domésticas, como poñer a mesa.
  • Comida.

Pola tarde:

  • Breve sesta (preferentemente, de non máis de 30 minutos) ou un momento de descanso: televisión, radio, escoitar música tranquila.
  • Na medida do posible de cada casa, volvede a tomar algo de aire e sol.
  • Un tempo de actividade: pódense retomar tarefas de estimulación cognitiva ou física. Empregade a música como unha forma de estimulación e de promoción de emocións positivas.
  • Merenda
  • Se se teñen plantas, atendede ao seu coidado regando as flores, quitando as follas secas…
  • Hixiene: baño ou ducha.
  • Preparade a cea e poñede a mesa. Ceade polo menos dúas horas antes de ir descansar para que o proceso dixestivo non dificulte o sono.

Pola noite

  • Despois de cear, propoñede unha actividade relaxada: ver unha serie ou algún contido tranquilo de televisión…
  • Asegurádevos de que el ou ela realizou ben a súa hixiene bucodental e os preparativos habituais para ir descansar.

Ademais da hixiene diaria, é clave intensificar o lavado de mans para minimizar o risco de contaxio e a propagación do virus. Faremos fincapé tras unha actividade e sempre despois de acudir ao servizo, así como antes e despois das comidas. De calqueira forma, iremos intercalando o lavado de mans entre as rutinas diarias tantas veces como sexa necesario.

Alba López, psicóloga de AFAGA

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio