atlanTTic presenta os resultados do proxecto SAPIENS con usuarios de AFAGA para a detección da deterioración cognitiva e depresión mediante altofalantes intelixentes adestrados con IA

  • O proxecto validou a equivalencia dos test dixitais cos tradicionais e demostrou que coa intelixencia artificial elimínanse erros no diagnóstico, ao incorporar variables como os tempos de resposta ou as repeticións.
  • A presentación de resultados realizouse durante unha xornada informativa sobre proxectos e solucións dixitais da asociación AFAGA Alzheimer para a atención á lonxevidade, no marco do proxecto europeo transfronteirizo Innov4life, do que a asociación forma parte.
presentación.atlanttic

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) organizou o pasado 25 de setembro unha xornada informativa sobre as solucións e innovacións dixitais que desenvolve a entidade, relacionadas coa prevención e a atención á lonxevidade. Durante o acto, presentáronse os resultados do proxecto SAPIENS (Services & Applications for Healthy Ageing), desenvolto polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo atlanTTic, entre os participantes achegados por AFAGA Alzheimer e incluídos nunha mostra total de 73 persoas maiores de 50 anos.

O proxecto parte da adaptación dixital dos test tradicionais T-MOCA e GDS-15 de detección da deterioración cognitiva e depresión, respectivamente, para o seu uso en altofalantes intelixentes ou asistentes conversacionais tipo Alexa, adestrados con intelixencia artificial e técnicas de Machine Learning.

Luis Anido Rifón (na imaxe), responsable do proxecto SAPIENS e os investigadores Noelia Prieto e Moisés Pacheco, de atlanTTic, foron os encargados de presentar as conclusións máis importantes dos estudos e cribados realizados con estas novas ferramentas tecnolóxicas. Entre elas, demostrouse que os resultados obtidos polos test tradicionais e os dixitais eran similares e que o uso da intelixencia artificial elimina erros no diagnóstico, ao incorporar novas variables, como os tempos de resposta ou as repeticións, que non se teñen en conta nos test tradicionais. Os resultados tamén mostraron unha boa aceptación destas ferramentas tecnolóxicas, tanto en usuarios como en profesionais.

SAPIENS contou co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación e, no caso do estudo con AFAGA, recibiu ademais o apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Innov4life, un ecosistema transfronteirizo en saúde dixital

Durante a xornada, a investigadora Alba Felpete, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), explicou aos asistentes as principais liñas do proxecto europeo Innov4life para a creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación colaborativa en saúde dixital. Dotado cun fondo europeo (Interreg) de 1,5 M e coordinado pola Universidade de Porto, xunto a AFAGA Alzheimer, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a entidade Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave (Portugal) e UPTEC Parque de Ciência e da Tecnologia da Universidade de Porto, Innov4life ten como obxectivo validar solucións dixitais innovadoras centradas nas demencias e na deterioración cognitiva e crear dous Living Labs no norte de Portugal e no Hospital Cunqueiro de Vigo.

Creando historias de vida

Por último, a investigadora Irene Rodríguez, de Envita Stories, explicou o programa de intervención colaborativa, que desenvolve esta startup entre profesionais, persoas maiores e familias, a través da dixitalización da historia de vida das persoas maiores. Conta ademais coa ferramenta tecnolóxica “Escala Me Ves”, desenvolta pola Universidade Internacional de Valencia, que avalía o impacto desta metodoloxía de historias de vida e coidados narrativos.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio