A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) nace no ano 1994 do interese dun grupo de familiares a raíz da desorientación e falla de información que naquel momento existía respecto desta enfermidade. Afaga foi a primeira asociación de familiares de Galicia.

Nun principio, tivo carácter autonómico, aínda que posteriormente, debido sobre todo á aparición de novas asociacións e á imposibilidade de abarcar a tanta poboación, o seu campo de acción reduciuse e na actualidade é provincial. De tódas as maneiras, a maioría das actividades e programas que se levan a cabo teñen un ámbito local referido á cidade de Vigo.

Afaga pertencía á Confederación Española de Alzhéimer (CEAFA). Co incremento do número de asociacións foi necesaria a creación de federacións autonómicas. Precisamente Afaga foi membro fundador da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer (FAGAL). A raíz deste proceso, a Federación Nacional converteuse en Confederación da que actualmente forma parte a Federación Galega.

Dentro dos seus fins máis destacados están a orientación e información tanto a familiares como á poboación en xeral, acercar a realidade do Alzhéimer ás entidades públicas e privadas co obxectivo de conseguir unha resposta ampla e eficaz ás demandas deste colectivo e estimular e colaborar nas investigacións que sobre esta enfermidade se realicen.

Dende o ano 1994 esta asociación está a desenvolver unha serie de actividades e programas cos que se intenta axudar ao enfermo e ao seu entorno familiar a paliar as limitacións que esta enfermidade impón.