
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) mantivo esta mañá no seu novo Centro de Innovación CIAG Afaga Alzheimer a primeira reunión presencial con entidades do norte de Portugal involucradas no proxecto europeo transfronteirizo LongSocial. Esta iniciativa, liderada por AFAGA, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores nas áreas rurais a ambos os dous lados da fronteira.
Na reunión desta mañá participaron as entidades sociais portuguesas Santa Casa dá Misericórdia de Melgaço, o Centro Interparoquial e Social do Alto Mouro (CISAM) e a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), coa intención de analizar distintos modelos de atención sostibles e identificar oportunidades de mellora.
LongSocial conta con financiamento europeo, a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, e o seu obxectivo é abordar os novos retos da lonxevidade nesta área transfronteiriza, co intercambio de coñecemento e capacitación, que permita crear unha carteira de servizos adaptados. O plan de traballo de LongSocial contempla ampliar a base de coñecemento sobre a soidade non desexada, o illamento social ou o Alzheimer e outras demencias, con actividades formativas como congresos, xornadas profesionais ou a redacción de artigos técnicos de interese.