AFAGA reclama a esencialidade das persoas maiores, as familias coidadoras e os servizos de atención

afaga alzheimer día mundial 2021
Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA, durante a rolda de prensa no Concello de Vigo.
  • O luns, 21 de setembro, celébramos o Día Mundial do Alzheimer, no marco da complexa situación que deixou a pandemia da Covid19.

A crise vivida tennos que servir para reflexionar máis sobre a sociedade e a importancia que damos aos nosos maiores, ás persoas con demencia e ás familias, así como a necesidade de reforzar o Estado de Benestar que construímos. Se para todas as persoas a situación da pandemia foi difícil, para as persoas con demencia foi moito máis complicada, incomprensible e desorientadora. Por iso, neste Día Mundial, desde Afaga Alzheimer poñemos o acento na ESENCIALIDADE.

En primeiro lugar, as persoas maiores e as persoas con demencia son esenciais. En momentos como os que vivimos, nos que os servizos sanitarios e hospitalarios saturáronse, e empezou a decidirse sobre a vida das persoas en función da idade ou a capacidade cognitiva, consideramos que utilizar a idade ou as situacións de demencia para cribar e decidir se se atende ou non a un paciente é algo incomprensible e inhumano. Todas as vidas son importantes e todas as persoas teñen dereito á sanidade pública, universal e gratuíta. E non se pode caer no “edadismo” e utilizar isto para negarlles unha correcta atención.

En segundo lugar, son esenciais os servizos de atención: os servizos de proximidade, os centros de día, as unidades de atención terapéuticas, os servizos públicos, que sen dúbida propician que a sociedade estea ben atendida. Estes recursos intermedios garanten a sociabilidade, evitan o illamento das persoas e atrasan o avance da deterioración, que lles permite vivir o maior tempo posible no seu domicilio.

En terceiro lugar, son esenciais os miles de profesionais que traballan en residencias, centros de día e centros terapéuticos e servizos sociosanitarios que estiveron un pouco esquecidos durante esta pandemia e nós queremos poñer en valor o importante labor que realizan. Eles tamén son esenciais.

E, por suposto, son esenciais as familias coidadoras. Nós somos unha asociación de familiares e queremos poñer o foco de atención na necesidade de contar cos recursos adecuados para que os coidadores poidan realizar o seu labor compatibilizándoa coa súa vida persoal.

As familias con persoas con demencia ao seu cargo pasaron momentos moi complicados e duros durante o confinamento, á complexidade do momento pola gravidade do virus, engadíanse situacións difíciles pola perda de rutinas, as situacións de soidade, a falta de programas de estimulación, que propiciou un aumento das demencias, e a sobrecarga no coidado.

Por iso, insistimos en que é esencial atender ás familias que teñen unha persoa con demencia en casa. E queremos aproveitar este Día Mundial, para lanzar esa mensaxe sobre a esencialidade dos servizos e das persoas. 

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio