AFAGA presenta os seus proxectos no VI Congreso Nacional de Dependencia y Sanidad by Alimarket en Madrid

img 20250310 161628

Juan Carlos Rodríguez, presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) participou hoxe pola tarde no VI Congreso Nacional de Dependencia e Sanidade by Alimarket en Madrid, co seu relatorio “Lonxevidade e demencias, retos e novas respostas”.

Durante a súa intervención, Juan Carlos Rodríguez presentou algúns dos proxectos punteiros realizados pola asociación nos seus 31 anos de historia.

Falou da interxeracionalidade como a vacina contra o idadismo, da innovación por necesidade para abordar os novos retos da lonxevidade e dar respostas acordes aos novos perfís de persoas con demencia (máis novas, con máis formación e inquietudes).

Explicou tamén os novos enfoques de acompañamento respectuoso a partir do diagnóstico e a importancia dos programas de prevención da deterioración cognitiva como “Cultiva a Mente”, no que xa participan máis de 1.000 persoas da provincia de Pontevedra e da contorna rural.

Dedicou atención aos proxectos de investigación impulsados pola nosa asociación (Biofamalz, co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur), de innovación tecnolóxica (Panoramix-Gatekeeper ou Celia, con atlanTTic Research Center ou IN—4-AHA con Clúster Saúde de Galicia, CSG, entre outros) e aos proxectos europeos transfronteirizos INNOV4LIFE -para a innovación colaborativa en saúde dixital e a creación dun Living Lab en Vigo xa en construción- e LongSocial.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio