Hoxe estivemos en Madrid coa compañía tecnolóxica Samsung durante a presentación de “The Mind Guardian”, un videoxogo baseado en IA para o cribado da deterioración cognitiva, en cuxo testeo AFAGA colaborou desde a súa orixe.

Cun enfoque na detección temperá e tras unha sesión duns 45 minutos, esta ferramenta gratuíta, dispoñible para descarga en tablets con sistema Android, ofrece aos usuarios maiores de 55 anos unha solución sinxela e de acceso universal para identificar posibles signos de deterioración cognitiva, reducindo os efectos negativos da denominada “síndrome de bata branca” ou medo á realización de probas en contornas sanitarias.
En caso de detección de posibles sinais de deterioración cognitiva, “The Mind Guardian” actúa como unha alerta inicial que axiliza a posterior consulta aos profesionais médicos para o seu diagnóstico e o posible acceso a terapias e tratamentos dispoñibles para fases temperás destas patoloxías, así como a planificación persoal e familiar.

A ferramenta tecnolóxica tivo a súa orixe en 2014 nas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela e en atlanTTic, pertencente á Universidade de Vigo, quen se encargou dunha batería de seis videoxogos para avaliar a memoria episódica, executiva, memoria de traballo, memoria semántica, memoria procedemental e atención (proxecto Panoramix Gatekeeper).
Entre 2016 e 2023 levan a cabo pilotos con esta batería de videoxogos en diferentes centros de día e asociacións de persoas maiores e entidades vinculadas co tratamento das demencias, como AFAGA.
O proxecto “The Mind Guardian” levou a cabo grazas á colaboración entre Samsung España, atlanTTic Research Center, o Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Innatial Developers, S.L. e a axencia de publicidade Cheil Spain, co aval científico-tecnolóxico da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) e da Sociedade Española de Psiquiatría e Saúde Mental – SEPSM, e coa axuda de AFAGA para o testeo.
Nota: O xogo é compatible con tablets Android con versión do sistema operativo 8 ou superior.