O Marco, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, AFAGA, a través do centro de día que xestiona en Vigo, iniciaron neste mes unha liña de colaboración que se engloba no programa educativo da exposición ‘Producións e procesos na Colección DKV’.
‘E ti, que recordas?’ é o nome xenérico do programa para escolares que o departamento de didáctica do Museo deseñou en torno a esta mostra, e que intenta sacar partido do contacto directo coas obras en salas e das múltiples posibilidades educativas que ofrece esta exposición.
Esta exposición, froito da cooperación entre a compañía DKV Seguros e o MARCO, reúne nas salas da planta baixa un conxunto de obras de 11 artistas (Misha Bies Golas, Patricia Dauder, Rosalía Banet, Mira Bernabeu, David Ferrando Giraut, Alex Francés, Martín Freire, Karlos Gil, Núria Güell, Alicia Kopf, Eulàlia Valldosera) en múltiples formatos e soportes, que son resultado de programas de bolsas de produción e premios de adquisición convocados por DKV Seguros entre os anos 2011 e 2015, e que hoxe forman parte da súa colección.
Durante estes meses, un grupo de usuarios do Centro de Día Beiramar en Vigo, acompañados por terapeutas do Centro e persoal do Museo, participa nun proxecto de actividades e obradoiros relacionados coa exposición, unha vez á semana. Como parte deste programa, cada mércores os grupos de escolares de Infantil e Primaria únense ao grupo de AFAGA para participar conxuntamente en visitas-obradoiros, concibidas como actividade integradora. O programa inclúe un total de seis visitas ao Museo, que se iniciaron o 4 de novembro e que estarán en marcha ata o 9 de decembro.