Un ano máis, AFAGA presenta a tercera edición do certame ‘Nun Recuncho da Memoria’ dirixido a coidadores, familiares e, en xeral, a todas as persoas sensibilizadas con esta doenza ou que lles guste escribir e atopen no envellecemento ou as enfermidades neurodegenerativas a súa fonte de inspiración.
A temática abordará a enfermidade de Alzheimer, pero pode estar enfocada desde moitas perspectivas: desde a visión do propio enfermo, a familia, os coidadores, relaciónelas avós-netos, percepción da sociedade respecto das enfermidades neurodegenerativas, ou as relacións sociais da persoa enferma e/ou dos coidadores familiares.
O prazo de presentación dos relatos abriuse o 15 de xaneiro e finalizará o 15 de marzo de 2017.
A extensión será, como mínimo, dun folio e medio e como máximo, de tres.
O premio consiste nunha tablet Samsung Galaxy ou similar.
Consulta as bases do concurso:
BASES III CONCURSO DE RELATO CURTO
‘Nun Recuncho da Memoria’
1ª
PARTICIPANTES, AUTORÍA E ORIXINALIDADE DAS OBRAS
Poderán participar neste concurso todos os escritores maiores de 16 anos, calquera que sexa a súa nacionalidade, que presenten relatos orixinais, inéditos e escritos en castelán ou en galego.
A presentación dun relato ao concurso implica necesariamente a aceptación íntegra e incondicional das bases descritas no presente documento.
Así mesmo, os participantes garanten:
- A autoría e a orixinalidade da obra presentada, así como que esta non se trata dunha copia, nin dunha modificación total ou parcial de ningunha outra obra propia ou allea.
- O carácter inédito da obra presentada e a súa titularidade exclusiva.
- Que a obra non estea sometida a ningún outro concurso pendente de resolución.
2ª
TEMÁTICA DA OBRA
A temática abordará a enfermidade de alzhéimer enfocada desde a visión da propia persoa enferma, a familia, os coidadores, as relacións avós-netos, a percepción da sociedade respecto das enfermidades neurodexenerativas, ou as relacións sociais da persoa enferma ou dos coidadores familiares.
3ª
CATEGORÍAS
Establécense dúas categorías. Cada unha delas premiará a mellor obra escrita nos dous idiomas admitidos, castelán e galego. Unha mesma obra non pode concorrer a ambas as categorías por medio da súa remisión nos dous idiomas.
4ª
PRESENTACIÓN DE OBRAS AO CONCURSO
A extensión dos orixinais será dun máximo de tres folios (1000 palabras) e un mínimo dun folio e medio (500 palabras), a unha cara, tamaño DIN A-4, en letra Arial, tamaño 12 e interlineal de 1,5 liñas. Ademais, levará unha portada onde aparecerá o título da obra; o pseudónimo do autor ou autora, se o houbese, non é indispensable. Este documento levará por nome o título do relato.
Así mesmo, nun documento anexo, figurará de novo o título da obra, o pseudónimo do autor/a, en caso de habelo, e o nome e apelidos, xunto co seu enderezo completo, número de teléfono e copia do Documento Nacional de Identidade ou Pasaporte (pode ser unha imaxe escaneada ou fotocopia). Este documento levará por nome o título do relato seguido da palabra “datos”.
As obras serán presentadas de forma dixital (online). Soamente se pode presentar un traballo por autor/a.
Os traballos, nas condicións anteriormente establecidas, poderán enviarse por correo electrónico a comunicacion@afaga.com ata o 15 de marzo do 2017.
5ª
XURADO E VOTACIÓN
O xurado, cuxa composición se dará a coñecer ao emitirse a resolución, terá as facultades de outorgar ou declarar deserto o premio e de emitir a resolución, así como de interpretar as presentes bases. A decisión do xurado será inapelable.
A resolución será dada a coñecer o 31 de marzo do 2017 a través dos distintos medios de comunicación de AFAGA: web, facebook, twitter, e blog
6ª
PREMIO
Será premiado o mellor relato de cada unha das categorías, consistindo o premio nunha tablet Samsung Galaxy ou similar para cada unha delas. A súa entrega realizarase nun prazo de 15 días, unha vez que o xurado emita a resolución.
Os nomes dos gañadores/as, así coma dos finalistas, serán publicados no blog, na web de AFAGA, www.afaga.com, e en Facebook e Twitter.
7ª
CESIÓN DE DEREITOS E PUBLICACIÓN DAS OBRAS
AFAGA dispoñerá de todas as obras presentadas para a súa publicación na forma e maneira que crea oportuno, salvo comunicación previa, expresa, fidedigna e por escrito do contrario por parte dos escritores participantes.
No momento en que unha determinada obra sexa seleccionada para a súa publicación se identificará o autor ou autora desta, salvo que designase pseudónimo coa intención de preservar o seu anonimato.