AFAGA e a Fundación Pasqual Maragall únense para desenvolver proxectos de investigación e sensibilización sobre o Alzheimer

firma convenio

AFAGA e a Fundación Pasqual Maragall asinaron un acordo marco de colaboración para o desenvolvemento conxunto de accións e proxectos a favor das persoas con demencias neurodegenerativas, así como da súa contorna familiar e convivencial.

Este acordo senta as bases para a participación conxunta no deseño e execución de proxectos de investigación centrados en mellorar a prevención, o diagnóstico e o seguimento clínico das persoas afectadas. Poñeranse en marcha campañas de sensibilización e capacitación comunitaria, actividades psicoeducativas para persoas coidadoras, e accións divulgativas en distintos ámbitos como o da saúde cerebral, o impacto do Alzheimer e outras demencias, proxectos de investigacións biomédicas, o apoio á autonomía e os coidados ou a inclusión cognitiva.

Ademais, xuntaranse esforzos para contribuír a desestigmatización das demencias, promovendo a participación das persoas con deterioración cognitiva na sociedade e a reivindicación dos seus dereitos. Así mesmo, colaborarán en accións ante autoridades sanitarias e sociais para mellorar a abordaxe do Alzheimer e a defensa dos dereitos das persoas afectadas e coidadoras.

“Este acordo supón para AFAGA dar un paso máis na nosa colaboración coa Fundación Pasqual Maragall, coa que compartimos fins e obxectivos, para profundar no ámbito da investigación e a innovación sobre o Alzheimer e outras demencias neurodegenerativas e na posta en marcha de accións e proxectos conxuntos. Para nós é moi importante traballar con todo o ecosistema que ten que ver coa abordaxe da lonxevidade, desde a sensibilización e prevención á intervención”, sinalou Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA.

Pola súa banda, a presidenta da Fundación Pasqual Maragall, Cristina Maragall, destacou que “na Fundación investigamos para atopar unha cura efectiva á enfermidade de Alzheimer, pero tamén traballamos para cambiar a súa consideración social e a súa desestigmatización. Por iso, estamos ilusionados de iniciar esta colaboración cunha asociación coa que compartimos o obxectivo de buscar solucións para as persoas con Alzheimer e as súas familias”.

Actualmente, estímase que en España hai máis de 900.000 persoas afectadas por algunha demencia neurodegenerativa, das cales 120.000 atópanse en Cataluña e 68.308 en Galicia (8.786 só na cidade de Vigo). O Alzheimer é responsable do 75% dos casos de demencia, unha cifra que, de non atoparse tratamentos modificadores, podería duplicarse no ano 2050.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio