Baixo o lema ‘Recorda quen son’, AFAGA organizou diversos actos de información e sensibilización da Enfermidade de Alzheimer.
O 21 de setembro, pola mañá, tivo lugar a presentación do libro de relatos curtos ‘Nun Recuncho da Memoria’, editado por AFAGA e impreso pola Deputación de Pontevedra.
Neste acto, que se celebrou na sede da Institución Provincial, participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, o deputado de Cultura, Xosé Leal, o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, o autor dun dos relatos, Urbano Barrios, e o autor do prólogo en lingua galega, Francisco Castro.
Esa mesma mañá, na zona peonil do Calvario, en Vigo, instalouse unha mesa informativa na que profesionais e voluntarios/as de AFAGA informaban sobre a asociación. Ademais, unha psicóloga fixo varios test de memoria gratuitos.
Pola tarde, no Auditorio Municipal do Areal, en Vigo, tivo lugar unha conferencia moi interesante ‘O ambiente e os traumas no alzhéimer. Que nos di a investigación’. A cargo de Roberto C. Agís-Balboa, científico. Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Esta charla foi presentada por José Manuel Oliveirais. Xefe do Servizo de Psiquiatría do CHUVI, que achegou tamén uns datos moi relevantes.