O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado pola concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, e o presidente de AFAGA Alzhéimer, Juan Carlos Rodríguez, inauguraron esta mañá o programa ‘Cultiva a Mente en Rede’ no Centro de Atención Integral de AFAGA. Ao acto tamén asistiron os 12 participantes do programa e a coordinadora do mesmo, Alba López, psicóloga de AFAGA.
‘Cultiva a Mente en Rede’ ten por obxectivo promover o envellecemento activo e evitar a deterioración cognitiva a través dun taller que se realizará un día á semana cunha duración de dúas horas cada sesión. Cultiva a Mente é unha iniciativa que se desenvolve en AFAGA desde hai 8 anos, cuns resultados moi positivos para as persoas que asisten a estas clases. A innovación neste proxecto é que se realizará de forma presencial e virtual, unha semana no centro de AFAGA en Vigo e a seguinte cada un asistirá ao taller de forma virtual, desde a súa casa, grazas ás tablets que doou o Concello de Vigo e que se entregaron esta mañá aos participantes.
Os principais obxectivos do programa son mellorar o benestar cognitivo, funcional e social; promocionar a autonomía e previr a deterioración física e cognitiva; eliminar a brecha tecnolóxica na poboación maior; e fomentar as habilidades sociais en grupo, evitando así o illamento e a soidade. En definitiva, impulsar o envellecemento activo e saudable.
Os participantes son persoas maiores de 55 anos e o grupo é de 12 persoas, debido a que deben ser grupos reducidos.