- Inaugurado o espazo habilitado polo concello de Vigo onde AFAGA Alzhéimer realizará actividades ao aire libre. Unha axuda importante e máis aínda en tempos de pandemia.
“Este compromiso, que o Concello de Vigo adquiriu no seu día, é hoxe unha realidade que beneficiará a todos os usuarios e veciños do noso Centro de AFAGA Alzheimer. Consideramos que é unha ferramenta importante para axudar a abordar a deterioración cognitiva e funcional das persoas con algún tipo de demencia”, declarou o presidente de AFAGA Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez.
O presidente de AFAGA Alzhéimer amosou unha gran satisfacción cara ao alcalde, Abel Caballero, polo acondicionamento deste entorno xa que “permitirá o desenvolvemento de actividades en grupo e xogos tradicionais, que serán para o goce de toda a veciñanza; converténdose nun lugar de encontro e achegamento a AFAGA, cumprindo así o noso obxectivo de crear unha sociedade comprometida e inclusiva para as persoas coa enfermidade de Alzheimer e outras demencias”, afirmou Rodríguez.
Esta nova área de recreo está situada fronte ao Centro de Atención Integral ás Demencias de AFAGA Alzhéimer que está situado na avenida de Emilio Martínez Garrido 21, foi inaugurada esta mañá polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e os concelleiros de participación cidadá, Pablo Estévez, e parques e xardíns, Ángel Rivas.
Ten unha zona de céspede, onde se poden desenvolver actividades en grupo; catro xardineiras, onde terá lugar o obradoiro de horticultura. Ademais, ten espazos habilitados para o desenvolvemento de catro xogos tradicionais como a ra, a chave, os bolos e a petanca.
Este novo ambiente externo servirá para mellorar os aspectos físicos, sociais e cognitivos dos usuarios de AFAGA. “Lembrar tempos pasados axuda a mellorar a memoria a longo prazo, os niveis sensoriais, cognitivos e físicos; deste xeito axuda a deter a deterioración cognitiva e funcional dos usuarios de AFAGA” explicou Jesús Andrea Reyes, terapeuta ocupacional de AFAGA Alzhéimer.
A través dunha metodoloxía de programas ao aire libre, os distintos profesionais de AFAGA Alzhéimer xa están preparados para comezar as actividades neste novo lugar ao aire libre habilitado pola cidade de Vigo que tamén será unha área de encontro e recreación para reunións e incluso un concerto nas cálidas tardes de verán.
A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia, con máis de vinte e cinco anos de servizo, atende hoxe a máis de 700 asociados, dos cales o 75% son mulleres, que se encargan dos seus achegados con e sen diagnóstico dalgún tipo de demencia, ten unha ampla gama de talleres distribuídos en 11 programas que se levan a cabo na área sanitaria de Vigo.