Coidar un familiar implica coidarse a un mesmo
Venres, 23 de Marzo de 2012

O pasado xoves, 22 de marzo, clausurouse a primeira edición do taller 'Un coidador, dúas vidas,' impartido pola psicóloga de AFAGA, Maxi Rodríguez, e ao que asistiron 18 persoas que teñen ao seu cargo a un familiar cunha enfermidade neurodexenerativa.
A mediados de abril comezará a segunda edición deste taller.

O curso desenvolveuse ao longo de catro sesións nas que a psicóloga, Maxi Rodríguez, ofreceu unha serie de consellos para exercer mellor a tarefa de coidador, sen sobrecargarse nin caer na 'síndrome do coidador queimado'.
Durante as sesións, que tiveron unha duración de dúas horas cada unha, os participantes puideron reflexionar sobre a figura do coidador, analizando as súas emocións, e as consecuencias físicas e psicolóxicas que supón desempeñar esta tarefa.
Maxi Rodríguez ofreceu múltiples consellos aos familiares ao longo do curso, entre os que destaca que hai que poñer límites ás demandas excesivas do enfermo para evitar sobrecargarse e que é fundamental asesorarse e informarse correctamente sobre a enfermidade para entender o que sucede e como sente o familiar enfermo, desta forma o coidador non se sentirá agredido.










