Abre as súas portas o novo Centro de Atención Integral a Enfermos de Alzheimer e outras Demencias

O centro especializado en enfermidades neurodexenerativas beneficiará aos enfermos, aos seus familiares, aos coidadores informais e aos profesionais


O acto de inauguración contou coa presencia do alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outras autoridades

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Galicia (AFAGA) inaugurou o pasado 19 de setembro o novo Centro Especializado en Atención Integral a Enfermos de Alzheimer e outras demencias, situado na Rúa Martínez Garrido, número 21. Interior.
O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiou o acto de apertura destas instalacións, que se sitúan nun local pertencente ao Concello e que foi cedido á asociación AFAGA por un período de cinco anos prorrogables.
O centro dispón de 313 metros cadrados nos que se distribúen en catro aulas para a realización de talleres de estimulación funcional e cognitiva, exercicios de rehabilitación e fisioterapia, e cursos de formación. Ademais, conta cunha ampla recepción, catro oficinas, dous baños, almacén e un office.


Este novo recurso está especializado en enfermidades neurodexenerativas e beneficiará aos enfermos, aos seus familiares, aos coidadores informais e aos profesionais.
Para iso, a actividade deste dividirase en tres áreas diferentes:

-  Área de formación e sensibilización. Abrangue actividades formativas dirixidas a familiares e coidadores non profesionais, cursos de especialización para os profesionais, programas de intercambio formativo e xornadas informativas.

- Área de servizos de proximidade. A través dela poñerase en marcha un teléfono de información e asesoramento sobre recursos sociais, médicos, psicolóxicos e sobre aspectos legais; un programa de respiro familiar; ofrecerase o servizo de teleasistencia; e facilitarase o acceso a axudas técnicas e produtos domóticos.

- Área de novas terapias. Esta parte centrarase na implantación de talleres e exercicios de desenvolvemento cognitivo a través de propostas innovadoras.
 

Desarrollado por Hacce . paginas web vigo, paginas web galicia, Coruña, Santiago